Na presentación de powerpoint dunhas
aulas que impartín en certo curso introdutorio á interpretación textual, incluía
unha diapositiva que representaba dúas escenas semellantes pero separadas por
dous mil anos: á dereita, a famosa moza do fresco de Pompeia, que, con xesto
encantadoramente coqueto, mordisquea o stilus da súa tabella; á esquerda,
unha rapaza contemporánea terma nunha man do punteiro electrónico da súa
tableta dixital, que suxeita coa outra. Con
este contraste, perante un auditorio de alumnos universitarios de primeiro
curso (é dicir, unha magnífica colección de nativos dixitais), buscaba eu
ilustrar un punto de partida para a miña exposición posterior: a hipertecnoloxía
característica do noso tempo non debe facernos perder o norte, atribuíndo aos
medios técnicos unha omnipotencia que, de pouco vale, sen as ideas, e estas son
sempre o resultado do xenio humano, tan fascinante como imperfecto, e non da
exactitude matemática dos bits. Ao cabo, levamos milleiros de anos facendo o
mesmo (interactuar cos soportes da lectura e da escritura) con medios,
naturalmente, distintos. Eu comecei o meu periplo pedagóxico cun artello escriptorio
que lle imitaba bastante ao monitor do portátil onde escribo estas liñas: unha
pizarra, negra e lisa, encadrada dentro dun bastidor de madeira, do que
penduraba, atado a un cordelín, un anaquiño de esponxa ou trapo que facía as veces de
borrador. Curiosamente, agora, case medio século despois, cun cachivache
tecnolóxico asombroso fago o mesmo que facía coa miña pizarra e pizarrín: poñer
por letra ideas e reflexións que, doutro xeito, tal vez non pervivisen. Nihil novum sub sole. Síntome
privilexiado de ter sido testemuña (e, profesionalmente, protagonista) dunha
evolución tan engaiolante e non abeiro o máis mínimo temor da tecnoloxía, tantas
veces deostada como unha babilonia informe onde toda perversión e maldade ten
asento contra a arcadia feliz dos tempos pasados. Nunca o ser humano
leu e escribiu tanto. Fágase vostede, por favor, unha pregunta: cantas cartas escribiu
na última semana e cantas lle escribiron a vostede? E agora fágase outra:
cantos e-mails puxo na última semana e cantos recibiu? Un interrogante,
misterioso e tamén un chisco inquietante, é en qué medida unha interfaz de
comunicación tan poderosa, tan inmediata, tan efémera, está mudando sutilmente os
nosos xeitos tradicionais de pensar. Rematando o século XX, unha obra clave
interpretou maxistralmente os cambios que a imprenta e a cultura impresa induciron na civilización.
Esta obra, subtitulada A construción do
home tipográfico, chamábase A galaxia
Gutenberg. Acaso, no século XXIII outro ensaio sistematice os sinais profundos
que Internet e a cultura dixital deixaron na feble pel da humanidade. De por parte, pe ara non perder o norte, eu, que manteño o vicio das estilográficas, sigo escribindo a man a cotío e lembrando que as tabletas da miña nenez, as da Campana
de Elgorriaga, eran dun chocolate extraordinariamente doce e saboroso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario