Seguramente lembra vostede aquilo de
agora que aprendín a dicir pinícula,
chámanlle flin. E é que, en punto a denominacións modernas, non hai quen
manteña o tipo. Qué digo denominacións! Mesmo as ocupacións profesionais
evoluíron, ao ritmo dunha sociedade cada vez máis consumista e sofisticada, de
xeito que un se arrisca a parecer un pailán se non sabe o que é un CEO ou un
Cool Hunter. Que non o sabe vostede? Pois vaia poñéndose ao día, recoiro, que
así non se pode saír da casa! Non vaia ser que lle presenten un fulano
dicíndolle que é o CEO dunha empresa e se lle ocorra mirar para arriba! Un CEO
é o mesmo que director executivo pero dito á moderna: Chief Executive Officer,
que fica máis de lo last. E un Cool
Hunter? Tampouco? Pero, hom, a vostede hai que llo explicar todo! Un Cool
Hunter é un tipo ou tipa que se adica a axexar nas últimas tendencias da moda a
asesorar a xente de posibles para que vaia á última e mesmo a firmas,
especialmente de moda, para que remocen a súa oferta en función do máis in do momento, de aí que a súa tradución
máis común a román paladino sexa ‘cazador de tendencias’. Estas chorradas,
propias dunha sociedade opulenta e aburrida de case todo, conducen á sensación
de que, como innovar é unha quimera, o que prima é rebautizar as cousas para semellaren
novas, o que ten tanta maior importancia canto que a apariencia persoal e a
vestimenta son, ao día, indicios claros da nosa categoría; iso que agora
chamamos look e o poeta, moito máis
sensato, chamaba torpe aliño indumentario.
Aí teñen, por exemplo, a figura, etérea, exquisita, universalmente envexada, da
it girl. Unha it girl é o mesmo ca unha chica ye-ye dos sesenta, coa diferenza,
claro, que vai de ser de Nova York a ser de Valladolid e de chamarse Olivia Palermo
a atender por Concha Velasco. Unha chica
iso, iso é unha it girl, unha señorita
que posúe iso, é dicir, o conxunto de
características persoais, indefinido pero compacto, tal vez hetroxéneo pero
perfectamente perceptible, que a converten nun paradigma do glamur, a moda e as
últimas tendencias. Vamos, o mesmiño que aquela moza que, no seo dunha
sociedade gris que fedía a incenso e ouriños secos, tenía mucho ritmo, cantaba en ingles, el pelo atolondrado y las medias de
color. Funcionar a base de modelos é moi humano: que as señoras e señoritas
pretendan parecerse a Alexa Chung, Olivia Palermo ou Sara Carbonero é tan
orixinal como o foi no seu momento que as nosas avoas e nais quixera imitarlle a Mae
West, Marlene Dietrich ou Kim Novak. El haberá tamén un it politician, un político que teña iso, que todos os políticos queren imitar? Non me fagan falar, que
despois parezo un bicho raro!
2 comentarios:
Estoy d acuerdo al 100% deberíalos decir...Que? Es q no puede....por ejemplo"OFF THE RECORD" muy común;hay q decir a micrófono cerrado y si no decir QUE?
En Latinoamérica os pais levan décadas poñéndolle Washington e Richard e Jeremy ós fillos. Signo de debilidade dunha lingua, porque a xente adoita simpatizar coa máis forte.
===
http://apequenanovelagalega.blogspot.com.es/
Publicar un comentario