16.7.13

Bárcenas vivindo en Utopía



Bárcenas, bár-ce-nas, son tres sílabas que quintaesencian o delirium tremens dunha sociedade adicta á carnaza. Imaxinan abrir o xornal, ligar a TV para ver o parte ou poñer a radio e ler, ver ou escoitar titulares como PP e PSOE asinan un gran pacto pola estabilidade: "No fundamental, estamos de acordo" afirman Rajoy e Rubalcaba. Ou, Rosa Díez eloxia a intervención de Dolores de Cospedal na rolda de prensa de onte. Ou aínda, Esquerra Republicana e CiU coinciden: Non é factible pensarmos nunha Cataluña independente. No fondo, porque na historia do mundo mudan as formas pero pouco o fondo, a mesma razón que leva o sufrido españolito contemporáneo a considerar impensables estes titulares é a que conduciu a Tomás Moro a compoñer, baixo o reinado de Henrique VIII, a súa Utopía, ou, máis recentemente, a Aldous Huxley a imaxinar un mundo feliz: utopía, o lugar que non existe, un paraíso onde Bárcenas, Urdangarín, os traxes de Camps, Gurtel, Pokemon e os ERE fraudulentos son entidades ficticias creadas para, por contraste, estimarmos aínda máis unha arcadia venturosa en que a maldade, o ladroízo e a corrupción non existen. Pero, malfadadamente, o mundo real, o que habitamos de cotío teima en afastarse cada vez máis dun ideal onde impere, xa non digo a harmonía universal, senón certa calidade humana. Políticos profesionais e os medios de comunicación que, segundo o caso, os apoian ou denigran, rivalizan diariamente en incrementar os índices de baixeza no debate e de vileza nos comportamentos, nun pobre intento de disimular malamente que o único que os move é manterse no machito. O patético recurso ao ben público e ás precocupacións reais dos españois resulta, neste caldo de cultivo, unha insultante pirueta dialéctica á que ninguén fai caso. O que eu me pregunto é: poderiamos vivir sen Bárcenas? Que sería de nós sen a ración diaria de carnaza? De que falariamos en cafés e traballos, de que tratarían centros de debates televisivos, de que escribirían editoriais, analistas e opinadores? Dos programas informáticos afírmase que, se van á primeira, é porque algo non vai ben. A perfección, a calidade, a educación, a altura do pensamento e as mensaxes positivas convertéronse en elementos dos que desconfiar. O mundo dá noxo, fede a podre: esa é a realidade, e Bárcenas é o paradigma do noxo que dá o mundo. Bárcenas é a delirante creación colectiva dunha sociedade liderada por unha tácita entente de políticos e medios de comunicación felizmente persuadidos de que, mentres sigan proporcionando carnaza ás feras, teñen o seu futuro asegurado.

No hay comentarios: