Boa parte das mozas e mozos da miña
quinta, a última fornada da xeración de posguerra, eramos por natureza revolucionarios,
se por tal entendemos (e non quixera entrar en excesivas sutilezas sociohistóricas)
que non eramos conservadores. Escoitar a Mercedes Sosa, levar anoraks e xerseis
de mezclilla era un xeito de manifestar a nosa disconformidade cun clima social
a duras penas soportable: había unha revolución que facer e non queriamos conservar
nada. Abominabamos dos militares, dos cregos, dos gobernadores civís, dos
decanos, das pelis de Martínez Soria, dos grises, da BPS e o TOP, dos ministros
do opusdei cunha rea interminable de fillos, dos conserxes soplóns, dun país
que fedía a incenso e mexo seco. No persoal, e falo por min, para alén do
inmenso amor e respecto que sempre profesei aos facedores dos meus días, eu
tiña fundadas razóns para voar por conta propia, entre elas, e non en último
lugar, que ata os dezasete anos compartín un modesto e pequeno piso con cinco
persoas e que meu pai, lonxe de ser o meu colega,
era un señor co pantalón por baixo do esternón que sempre gastou tirantes, co
que xamais fun en bicicleta e que nunca foi a unha titoría no meu colexio. Ata
hai non moito, eu cría que xa non ficaban revolucións por facer e que ninguén
tiña gana de mudar un statu quo no
que case todo o mundo semellaba sentirse feliz. Agora, comezo a pulsar o
substrato dunha mudanza que será tan radical como radical siga sendo a
demoníaca espiral dunha crise, económica pero tamén de pensamento, que non
deixa títere con cabeza. Están os mozos de hoxe preparados para afrontar un
mundo no que, tal vez, se perfila a necesidade imperiosa dunha nova revolución?
Creo que os nosos fillos son moito máis
conservadores ca os seus pais, entre outras cousas pois eles si teñen (tiñan?)
fundadas razóns para conservar un estado de benestar e consumo permanente, que
é o seu único referente vital. Hoxe, tras a presentación dun libro, tremendo
pero necesario, sobre violencia de xénero e xustiza, unha especialista
comentábame que as redes sociais e as series televisivas están axudando a
configurar un novo estereotipo de machismo, baseado no binomio ‘chica divina de
la muerte con tacones infinitos’-‘chico cachimán de ximnasio dominante e macho
alfa’. Ben sei que non era o noso desexo, como xeración, ter chegado a isto.
Interrogarnos sobre os porqués desta perigosa deriva ideolóxica é acaso un
exercicio de catarse colectiva ao que non debemos renunciar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario