Déixeme Vde. que lle conte algo. Un
editor vén ser a xeito de epicentro dunha constelación de persoas que, dende
cadansúa responsabilidade, verquen o seu labor cara a un obxectivo común: facer
un libro. Cando afrouxa un so elo, periga a complexa cadea que é a produción do
libro, e, se o elo rompe, o proceso en conxunto pode ir ao garete. Certo é que
en todas partes cocen fabas e ningún editor honesto tiraría a primeira pedra,
pois non se ten noticia dun so que non coñeza o fel amargo dalgún fiasco. Por
outra banda, sendo, como é este crocodilo, un editor público, puidera
atribuírselle aquilo, tan caro ao funcionario medio(cre), de que resultan
superfluos o esforzo e o amor ao que un fai, pois a fin de contas, con esforzo
e amor ou sen eles, un vai cobrar igual a fin de mes, un argumento, por
certo, que ben podería incrementar a súa
contundencia nunha situación de recorte permanente ao salario dos traballadores
públicos. A verdade é que, como epicentro desa constelación da que falei, un
editor, incluso público, desenvolve a súa profesión cos pés chantados na terra
grazas ao permanente contacto con profesionais autónomos e da esfera da empresa
privada (maquetistas, deseñadores, fotomecánicos, impresores, encadernadores,
distribuidores, libreiros, axentes literarios e comerciais, outros editores…),
nun sector, o da produción editorial, no que a crise está batendo, como en
todos os eidos da produción cultural, con especial crueza. Noticiarme día tras
día do drama persoal dalguén que coñezo, que, en idade madura e tras anos
entregado á calquera das nobres artes da feitura ou difusión do libro, vai
coñecer de contado a feroz trabada do desemprego, fai de min un funcionario
acaso atípico e me faculta ponderar o privilexio de ter un soldo fixo a fin de
mes, xa máis grande, xa máis cativo, e non depender dunha conxuntura que, polas
trazas, empeora día a día. Pero este é un discurso falaz que, ao cabo, abonaría
a primeira hipótese: os funcionarios somos todos uns privilexiados que, na
maior parte dos casos, estamos pasando a crise, tan ricamente, no bico dos pés.
Quererlle á empresa como se do noso labor dependense a súa bonanza en termos de
beneficio e dar o mellor que un ten a prol dun traballo simplemente ben feito,
semellan para a vox populi vontades ignotas entre os traballadores públicos,
aos que a crise non afecta: currar cada vez máis, con recursos e incentivos progresivamente
mermados e cobrando cada vez menos é, por suposto, un privilexio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario