Hai contratos-lixo, televisión-lixo,
traballo-lixo, literatura-lixo, comunicación-lixo, comida-lixo, tecnolixo, ciberlixo. Vivimos arrodeados de lixo, pero non dun lixo prosaico, viscoso, pútrido
e fedorento, como era o que soportaban os nosos devanceiros. Non. Trátase dun
lixo conceptual, de luva branca, en virtude do cal, unha señorita monísima
dille a un universitario con premio extraordinario de doutoramento que pode
ficar na empresa facendo fotocopias en horario de 7 a 15:00 h, sábados
incluídos, por 900 euros antes de impostos, durante un período probablemente
non superior a un ano, e que, se o quere o toma, o se non o deixa, que ten
trinta e dous candidatos agardando polo posto. Un lixo aséptico, en virtude do
cal dispoñemos en todas as casas contemporáneas dun caixón repleto de
alimentadores eléctricos, en probable convivencia cun fato de teléfonos
celulares e cámaras dixitais pasadas de moda. Un lixo colectivo, en virtude do
cal nos deleitamos contemplando na caixa tonta como unha gicha cos peteiros
como salchichas e os seos como sandías vomita soecedades sobre a vida sexual
dun toureiro. Un lixo limpo e mesmo elegante, en virtude do cal nos poñemos ata
as trancas de hamburguesas, papas fritas conxeladas e cocacola, sabendo que a
tradución de tal menú a colesterol e triglicéridos é simplemente escalofriante.
Un lixo onírico, en virtude do cal a exósfera está ateigada de sondas, satélites
e outra chatarra espacial, condenada a orbitar eterna e silenciosamente arredor
do planeta. Unha vez visitei un hangar onde se almacenaban centos, tal vez
milleiros, de ordenadores e fiquei estarrecido: toda aquela intelixencia
mecánica, noutrora tan útil e cómplice dalgún usuario humano, durmindo o
deprimente cibersono dos robots, lembroume, nunha estraña conexión de ideas, a
voz de Hal 9000 cando, a bordo da Discovery, Dave Bowman procede a desligalo.
Seica, de media, os humanos só facemos uso dun 1% de todo o que nos arrodea: o
resto é lixo, ganga, farelo. Quero crer que haberá quen, individualmente, faga
uso distributivo das cousas que me arrodean e que eu desprezo. Pero temo que
non, pois a todos nos gusta o mesmo e convertemos as mesmas cousas en lixo: adoramos
o lixo, xeramos actividades-lixo e milleiros de toneladas de lixo físico, pois
o lixo é o corolario da nosa fachenda hipercapitalista, a peaxe inevitable dun
mundo imperfectísimo no que, malia desprezarmos o 99% das cousas que nos
arrodean, cada vez sentimos que nos falta máis
No hay comentarios:
Publicar un comentario