9.6.13

Cambio de paradigma

As III Jornadas Taller sobre Libro Electrónico, organizadas pola UNE, constituíron un foro de intenso debate e cambio de impresións entre profesionais, un debate sincero, por veces mesmo radical na diferenza de posicións e, polo tanto, alonxado da diplomática, e improdutiva, compracencia que  adoita presidir moitos eventos.  Ademais de atopar vellos amigos e facer novas e interesantes relacións, un enchóupase das opinións e perspectivas alleas, o que supón un impagable enriquecemento en termos de coñecemento técnico. Nunha encrucillada chea de luces e sombras, de certidumes relativas e dúbidas insoslaiables, facemos camiño ao andar e construímos o futuro con retallos de presente. Que as potencialidades da produción dixital ían cambiar os fundamentos do mundo editorial coñecido era unha segura intuición dende hai tempo. Lembro que, hai tal vez catro ou cinco anos, en ocasión dunha xornada sobre o presente e o futuro da edición en Galicia á que me convidou certo medio de comunicación, o meu amigo e colega Manolo Gago comezou a súa intervención amosando nunha diapositiva un grupo de xente que, no andén dunha estación ferroviaria, ollaba, expectante, cara á vía, agardando a chegada do comboio. Hoxe, todos subimos ao tren, e, xa máis acomodados, xa menos, dirixímonos inevitablemente cara a un destino común. Quen deixara pasar o tren vaino ter moi complicado nos anos vindeiros, pois o tempo perdido en actualización tecnolóxica é dificilmente recuperable. 
Nestas magníficas xornadas, que na súa terceira convocatoria vanse consolidando como unha cita anual vivamente esperada polo sector, púidose oír a voz de todos os actores dun complexo proceso: teóricos da edición; tecnólogos e informáticos; editores, libreiros e bibliotecarios; xestores, expertos da información e avaliadores da actividade científica editorial; responsables de entidades colectivas e especialistas en propiedade intelectual; agregadores de contidos dixitais... achegaron cadansúa experiencia, cadansúa perspectiva, permitindo construír un discurso que, na miña opinión, lonxe de semellar anárquico e deslabazado, asenta en alicerces sólidos e perfectamente definidos. Adianto un elenco das miñas conclusións destas xornadas.
  • Estase configurando un medio substantivamente distinto ao libro impreso. Superar a estéril e facilona convición de que o libro dixital é un mero substituto do libro impreso é comezar a querer entender o que realmente está ocorrendo ao noso redor: o libro dixital é un medio diferente, que define, por unha banda, novas improntas memorísticas, de comportamento lector e de interacción e recuperación da información, e, por outra, políticas e estratexias adaptadas a unha xenética, produción, difusión e comercialización editorial diferentes á do libro tanxible.
  •  A edición universitaria está liderando boa parte da mutación dixital. A responsabilidade dos editores universitarios é especialmente trascendente, pois en ningún outro sector da edición a potencialidade da comunicación dixital adquire un alcance e consecuencias comparables. Cooperación multidireccional e fluidez nos fluxos de traballo entre todas as partes implicadas; desenvolvemento de novas formas de intelixencia empresarial; expansión internacional e detección de novos nichos de demanda son as accións principais que temos que liderar os editores, na miña opinión, o núcleo duro do proceso, pois todos os outros actores son sufragáneos da nosa posición e desta vai depender a eficiencia das políticas tecnolóxicas e de difusión e/ou comercialización dos produtos dixitais.
  • É imperioso desfacerse das vellas inercias e incorporar solucións novas a problemas novos, imaxinación fronte a resistencia, innovación fronte a inmobilismo. Na medida en que o discurso do editor universitario sexa sólido e fundamentado, menores serán as reluctancias e escrúpulos dos xestores e políticos en relación a solucións que, por regra xeral, incorporan ademais enormes aforros de recursos financeiros. 
  • Conciliación intelixente de rutas dixitais: comercialización e acceso aberto. O retorno lexítimo de investimento en librarías e distribuidoras dixitais e o apoio á socialización do coñecemento en repositorios de acceso aberto non teñen por que ser camiños excluíntes.
  • Adaptación constante ás mudanzas do medio en todos os aspectos: lexitimidade e respecto á vontade dos autores e aos cambios eventuais en materia de propiedade intelectual; necesidades e hábitos de consulta, acceso, compra ou  lectura do usuario; estructura da editorial e capacidade de implementación de proxectos; softwares permanentemente actualizados e novas solucións tecnolóxicas.
  • Definición dunha política eficiente de metadatos e revisión permanente da mesma.
  • Dinamización dun novo discurso baseado en fórmulas alternativas á factores de impacto tradicionais (e ligados a intereses financeiros concretos), como únicos elementos métricos da calidade da edición e a investigación.  
Somos unha xeración privilexiada. Sinto, nin máis nin menos, que vivimos un cambio de paradigma. É mais, estámolo facendo posible. Ao igual que Gutenberg destilou saberes e habelencias previas e, aproveitando con intelixencia os avances técnicos do seu tempo, fundiu o molde dun soporte comunicativo novo e revolucionario, así nós, case seiscentos anos despois, poñemos toda a nosa experiencia e coñecemento en construír un bastidor diferente no que seguir acomodando a expresión da cultura, da ciencia, da información. Pero solución de continuidade non implica renuncia ás orixes. Dende a grata lembranza da Enciclopedia Álvarez e a pizarra e o pizarrín cos que comecei o meu periplo escolar, teimo nunha paixón, tan certa como reconfortante: o meu amor aos libros segue incólume. Supoño que niso me parezo a Gutenberg. 


No hay comentarios: