26.5.13
letraBytes
Unha persoa moi próxima e querida é un dos máis implacables críticos da columna Bágoas de crocodilo que todos os sábados, publico en El Correo Gallego. Dotado dun notable espírito práctico e dunha integridade que fai boa a sentenza de que onde hai confianza dá noxo, o meu crítico, tras someter a minucioso escrutinio cada columna, ponme os puntos nos íes e transmíteme o seu xuízo, por veces contundente e rigoroso, pero sempre sincero, polo cal eu o valoro especialmente. Unha cousa que me chama a atención é que esta persoa, bastante máis nova ca min, non le nunca en dixital e agarda invariablemente a dispoñer do xornal en papel para ler estas sabatinas bágoas do crocodilo. En ocasións, mesmo, sendo eu vítima dunha certa ansiedade por coñecer a súa estimación, téñolle insistido en acceder ao texto na Internet, pero nin por esas: ou me le en papel ou non me le. Entendo a súa posición, claro. Compártoa? Non estou certo. Nesta complexa transición da edición e a lectura convencional á edición e a lectura dixital, custa bastante manter a cabeza fría. Lembro, aínda con desacougo, a certa profesora da nosa universidade que, pola súa saúde, pregoume retirar a súa tese de doutoramento do visor parcial de Google Books: intentei facerlle ver que os seus dereitos estaban escrupulosamente garantidos; que o texto non se podía copiar, pegar nin imprimir; que, en contrapartida, o acceso universal a través do buscador estándar da Internet aseguraba un impacto planetario á súa investigación. Non houbo forma. A fenda entre cidadáns analóxicos e dixitais, malia ir desdebuxándose paseniño, resulta aínda un muro infranqueable para moitos. É curioso que este crocodilo chorón, que comezou o seu periplo escolar cunha pizarra e un pizarrillo no Grupo Escolar José Antonio e que ata hai non moito cría que a máis marabillosa tablet era a de La Campana de Elgorriaga, teña que tomar partido nesta absurda dialéctica de tecnofilia versus tecnofobia, facendo valer que é autor de dous manuais de edición (un e dous) e pousidor dunha biblioteca de preto de 4000 volumes impresos. Se ata unha vez me chamaron “Juan el Digital”! De por parte, creo que ler é un dos máis deliciosos e enriquecedores exercicios aos que se pode entregar o ser humano, e o soporte, que, por certo, vén evoluíndo sen solución de continuidade durante milleiros de anos, é o de menos. É fascinante atopar entre os vellos volumes da biblioteca do avó unha primeira edición de Freud en castelán, abofé. Pero non o é menos, acceder ao facsímil dixital da primeira edición de The Last of the Mohicans no website da Universidade de Chile. A parti de aquí, cada quen pon o til onde lle peta.
Etiquetas:
edición,
lectura,
tecnosociedade,
universidade
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario