18.5.13

Penedos y croyos



No meu bacharelato, o bacharelato clásico con catro anos de elemental, dous de superior e COU, pasabamos media vida facendo redaccións. As redaccións constituían un exercicio escolar altamente recomendable, pois, sobre a arquitectura sintáctica, practicábase unha ximnasia intelectual que incorporaba tamén a creatividade, unha compoñente máis lírica e individual que, por veces, podía ser orixe de especimes inesquecibles. Ademais, as redaccións eran, por usar da terminoloxía actual, dunha extraordinaria troncalidade: faciamos redaccións en relixión e historia sagrada (lembro, por exemplo, El mes de María o El éxodo del pueblo de Israel); en lingua española (Las vacaciones de verano; La generación del 98; La navidad); en Formación del Espíritu Nacional (Efemérides del mes de octubre; El discurso de José Antonio en el Teatro de la Comedia). Un profesor de ciencias naturais, mozo el, que aínda non estrelara contra a burramia colectiva dos seus pupilos as ínfulas dunha licenciatura recentísima, tivo a ocorrencia de nos encargar en segundo unha redacción que levaba por título: Viaje al centro de la tierra. Ao pouco, e en ocasión de render oralmente o froito do noso coñecemento xeolóxico perante o resto dos compañeiros, un brutarate da parte da Ulla, tan grande como inxenuo, leu o seu exercicio. Comezaba: «En mi viaje al centro de la tierra encontré penedos y croyos de diversas clases»
Hoxe, a permanente interacción dos rapaces con máquinas informativamente omnipotentes en alianza cun ensino patoloxicamente obsesionado pola adquisicion de contidos epidérmicos y acríticos, ten conducido, na miña opinión, a un descenso alarmante na calidade da escrita, claramente relacionado cun descenso, aínda máis alarmante, na calidade do pensamento, unha queixa que escoito con demasiada frecuencia a profesores universitarios, aos que, loxicamente, lle toca facer a colleita dunha pobre e insuficiente sementeira. De que serve dedicar un tema teórico aos conectores cando, na práctica, o alumno non sabe aplicalos na escrita? Non sería, tal vez, máis positivo inverter o proceso? Dou fe de que meus fillos adican horas a contidos dos que eu tiven coñecemento só na carreira. Tras chapar a prosa medieval galega, e devolverme con relativa eficiencia os conceptos previamente deglutidos, tomo a molestia de preguntarlle ao rapaz: «Ti sabes o que quere dicir haxiográfico?», ao que me resposta que non, porque iso non llelo explicaron. Sendo isto malo, o peor, acaso, é que o sistema educativo non estimula a curiosidade do saber, máis ben, en troques, a anula substituíndoa por unha adquisición teórica, tan cega como inútil. Pregúntome se, con toda a artillaría tecnolóxica e o abigarramento dos libros de texto de que hoxe dispón, un rapaz contemporáneo sería capaz de imaxinar, nunha hipotética viaxe ao centro da terra, penedos y croyos de diversas clases.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Excelente reflexión tanto la relativa a la pedagogía como la intergeneracional.