7.5.13
O paxariño azul e o efe branco
Contra a percepción social de que
Twitter ou Facebook son falaces sucedáneos da verdadeira interacción humana, o
sociólogo esloveno Slavoj Zizek celebra «estas comunidades artificiais pois
permítenche fuxir do teu lugar asignado na sociedade». Se, en efecto, as redes
sociais facultan que a xente sexa realmente quen quere ser e non quen debe
ser por imperativo de imposicións ou convencións sociais, iso implica
necesariamente afirmar que os humanos temos un compoñente exhibicionista de
natureza basal e que, como o aire que esiximos trece vecer por minuto,
precisamos da aceptación e aínda o aplauso dos demais verbo das máis diversas
facetas da nosa existencia: dende o novo look
dunha adolescente ata as instantáneas dixitais dunha parella de xubilados en
Loro Parque; dende os pinitos narrativos dunha ama de casa ata as sesudas
opinións políticas dun profesor de secundaria. Resultando esta constatación
dunha obviedade aplastante, podo modular o argumento cara a unha derivación
panorámica: Internet non é, en efecto, un sucedáneo traizoeiro senón un
perfecto remedo ou translación tecnolóxica do mundo real. Na miña profesión, e
contra a percepción de que a Internet é unha sorte de ora leonis onde todo ladroízo ten asento, fártome de argumentar que
non está máis exposto a usos fraudulentos un documento en acceso aberto na web
dunha universidade ca unha revista nun quiosco de Arzúa: a protección dos dereitos
e os dispositivos xurídicos para a mesma esténdense a esa e aquel en idénticas
condicións; oura cousa, claro, é que determinadas condicións técnicas estimulen
fenómenos que raramente, ou doutro xeito, teñen lugar no mundo real. Igual que
copiar e pegar un texto en segundos ou colocar nun escaparate planetario unha
foto familiar de hai cen anos son privilexios do mundo dixital, tamén romper a
incómoda barreira de timidez ou soltar as amarrallas da nosa intimidade son o
curioso produto dunha aínda máis curiosa escena: un ser humano so, en diálogo
cun monitor tras o cal late o ancho mundo. Pero a realidade é moi túzara. Un docente aburrido
é indefectiblemente un docente aburrido
coa mellor tecnoloxía de campus virtual e un pelmazo é igual de pelmazo no
Facebook ca nun encontro casual nos conxelados do Mercadona. Eis, tal vez, a
razón de que, malia disimulármolo, todos soñemos con ter, como Paris Hilton ou
Kim Kardashian, catorce millóns de seareiros en Twitter e cotizar $US 10.000 por tweet. A vida misma. De por parte, eu non desespero: con
dedicación, traballo e integridade todo chega.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario