21.9.11

Menosprecio de aldea e alabanza de corte

Unha vez preguntáronlle a Augusto Assía, nom de plume de Felipe Fernández Armesto, se era nacionalista. Don Felipe, que sabía moi ben onde lle apretaba o zapato a cada quen, respostou: Si, eu son nacionalista dos Estados Unidos, país no que vivira anos e coñecía moi ben. Fernández Armesto, que non era nada inxenuo, significaba coas súas palabras que todo nacionalista é un entusiasta defensor da súa terra, e, para tal entusiasmo, hai que ter unha gran dose de admiración polo país mesmo. El sentía esta admiración polos Estados Unidos e, probablemente, e malia a súa condición xenética de labrador, non atopaba ningunha razón para un tal sentimento verbo da súa natal Galicia. En troques, don Ramón Otero Pedrayo, que -como todos os intelectuais da xúa xeración- era idealista e honesto (e dicir, un inxenuo de regulamento), idealizaba, nunha liña perceptiva ininterrupta dende os devanceiros decimonónicos, a aldea e a vida rural galega, que el, na súa crasa inxenuidade, quería xeórxica, bucólica e pouco menos ca heroica. Nun fermoso limiar asinado en 1948 a un honestísimo libro (Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, o seu autor o ilustre galeno D Jesús Rodríguez López; Tipografia Flórez, Batalla del Salado, 7, Madrid), naquel seu robusto galego, dicía don Ramón: Os labregos, eternos nenos e raza vella, mitoloxía de alborada e de medo inizal à noite e angueiras obrigadas dend'o comén da cultura.
Nunha cultura antropolóxica como a nosa, marcada a lume por raiceiras rurais tan fortes, a exaltación da aldea resulta ser un elemento consubstancial e case haxiográfico. Estámolo a ver actualmente coa beatificación por parte do establishment cultural de Balbino, algo que, ao meu modo de ver, xa vai cheirando. Eu non sinto unha excesiva simpatía polos habitantes do noso medio rural, e falo en termos de antropoloxía xeral, non de persoas ou actitudes concretas, e desde logo nunca me traguei esa pílula maniquea tan cara ao nacionalismo do "campesiño asoballado", vítima propiciatoria e inocente da terrible maldade do cacique señorito. Ben en troques, creo que unha media humana caracterizada polo seu inmobilismo consciente, a súa permanente dobrez e maliciosa picardía, a súa desconfianza sistemática a toda forma de modernidade e, por suposto, a toda forma de solidariedade e pensamento colectivo, foi, é e temo que serguirá sendo unha pesada rémora para a constitución dunha auténtica sociedade civil, dinámica e verdadeiramente progresista, en Galicia. Como cidadán urbano sinto ter moito máis en cómun cos meus amigos de, non sei, Murcia, Madrid ou Albacete ca con individuos que habitan a 500 m da miña casa nun palafito sen recebar (para non pagar licenza de primeira ocupación) e seguen crendo que iso de que o home chegou á lúa é un conto (é un caso real). Os habitantes das xéorxicas aldeas de Galicia son os directos, e conscientes, responsables do feísmo arquitectónico, do espolio sistemático do medio natural, da espantosa invasión de eucaliptos, dos somieres pechando as leiras e dos depósitos incontrolados de lixo por toda a parte. É dicir, os responsables do destrozo dun, outrora, fermosísimo país. Eis por que me sinto tan pouco proclive a incorporar como parte da miña cultura unha civilización rural detida no tempo e que, paradoxalmente, semella gustar tanto á cultureta patria. Alá eles.

6 comentarios:

F. Míguez dijo...

Aquí haille varias cousas que dicir:

1ª Concordo plenamente no seu veredicto de culpabilidade, aínda que nos deberíamos preguntar se unha sociedade se mantén ingnorante por decisión propia ou que algo fallou na parte de arriba da pirámide. A picaresca, noxenta a fartar, por certo, é o recucurso intelectual dos ignorantes.

2ª Os somieres son feos, abofé, pero tamén son unha mostra de cómo unha sociedade tradicionalmente pobre aprendeu a aproveitar os recursos dos que dispuña, a non tirar nada. ¿Cómo se chama iso agora...? Ah, si, reciclaxe :) Tamén inxenio. Bágoa de unha formación de base para aproveitar ese potencial.

3ª Sen ter estado nunca nos EEUU, vivo convencido de que o máis semellante que existe ó rural galego é o rural norteamericano. Eses "hillbillyes" e "rednecks" son coma moitos galegos, pero que miden as veigas en acres no lugar de ferrados ou baras.

M. DIÉGUEZ dijo...

De don Augusto Assía lembro unicamente que foi comunista nos seus comezos e que escribía uns artigos alá polos setenta e oitenta bastante fachoides e aos que os da miña xeración,creo, non lles viamos moito mérito . Vaia, que non era nada orixinal o pobre, calquera podería citar ducias de casos parecidos. Verbo da nosa paisanaxe, á que pertenzo e pertenceron todos os meus ancestros, é ben certo que desenvolveron (desenvolvemos) pouco o gusto estético, pero niso, como lle pasa ao pobre Augusto Assía, tampouco somos nada orixinais. Este asunto do feísmo, tan caro a algúns medios herculinos, que o airean, sen éxito ningún, dito de paso, cada vez que sae un novo goberno xunteiro, dá para moito discurrir e discutir tamén. Indo para a miña casa de Tabeirós había aínda non hai moito un prado grande, cheo de vacas e de bañeiras marca Roca que lles servían de bebedoiro. Desde hai uns meses xa non vexo as vacas nin as bañeiras, cousa que me dá bastante mágoa e algo de mala espiña. Oxalá o grande e único problema do mundo aldeán fose o impacto visual dos somieres e bañeiras, que a cousa había ter mellor remedio. Por certo, algúns amigos que frecuentan os verdes asturianos, tan ponderados como ideal de respecto á natureza e fomento do turismo rural, contáronme que tampouco alí escasean as poéticas bañeiras Roca. Estou tentado de chantar unha no medio da horta.
Unha boa aperta.

juan l. blanco valdés dijo...

É certo que o feísmo é, baixo un certo punto de vista, o produto ou herdo arquitectónico e urbanístico -tal vez os adxectivos resulten excesivos- dun país, tan poboado e vivido coma o noso, cun abochornante pasado recente en materia de destrozo e aniquilación de modelos tradicionais doadamente aproveitables, e un futuro poboado de sombras, si, mais tamén das luces que saibamos, entre todos e como sociedade que debera atopar o camiño de apreciarse a si mesma, acender. Nestas páxinas xa referenciei algunha obra brillante a respecto dun tema tan complexo. Polo demais, os "rednecks" -túzaros, fanáticos e reaccionarios- viven nun medio natural admirablemente conservado, en zonas dunha altísima produción e rendibilidade agrícola e, ademais, representan as marxes ou flocos máis ou menos irrelevantes dunha sociedade civil, non o núcleo dela. A iso me refiro. Apertas.

cãosemdono dijo...

Todo isto está moi ben, filias e fobias personais á parte, pero estaría mellor se fixera vostede unha mínima referencia a algunha que outra obviedade máis, como a contrastada relación entre eses fenómenos que vostede describe e o feito de que a renda personal dos habitantes do rural galego ocupa os últimos lugares do estado. Xa sabe, a maldita e demodé relación entre cutrez e pobreza que, por certo, tamén se manifesta nas urbes. Murcia, Madrid e Albacete incluidas, seica.

Ou non será que todo isto é porque lle moveron os marcos?

juan l. blanco valdés dijo...

Non, se agora resultará que, en virtude de non se sabe que malévola relación entre o touciño e a velocidade ou entre o pesebre e os tetos da vaca, os galegos, pobriños, son pobres porque, como en Etiopía, a terra é ruíña e a pertinaz seca nos abafa. Temos a masa forestal máis estensa do sur de Europa: mire que ben aproveitadiña. En fin, falando de obviedades, haberá que ir modernizando os argumentos, ou?

cãosemdono dijo...

Touciño e velocidade en malévola coxunda, dixo?, modernidade argumentativa? Oíu, e dende cando é moderno tentar esplicar os fenómenos socioeconómicos -concedendo que as súas observacións pretendan iso, que xa é moito conceder- sen apelar ós procesos históricos? Non me responda a isto: a pregunta é retórica, e por riba coñezo perfectamente a contestación.

E mire, xa que o menciona, pódese falar de aproveitamento da masa forestal obviando a estructura da propiedade do monte ou certas políticas públicas de repoboación tan errada como contumaz, entre outras cousas, ou é mellor laiarse da ruindade conxénita dos rústicos sen outra consideración?.

Bueno, pero de todos xeitos non se preocupe. Os vestixios da sociedade tradicional que tanto noxo lle dan, xunto con outros que se cadra non, ou pode que algo menos, están en transo de desaparición, máis cedo que tarde. Xa que logo, parabéns para todos os que enrugan o fuciño cando lles cheira a la caca de la vaca.