8.9.11

Enésima aproximación a una cabeza inescrutable

Un bo amigo -cabaleiro da escola antiga, culto e refinado, profesor, ex-editor, deseñador e pintor, entre outras cousas, que puxo a estética por monteira e non para quieto un intre-, empeñouse hai uns meses en me facer un retrato, arte na que posúe habelencia extraordinaria. Eu, que teño ben presentes certas prevencións, non andaba moi convencido, pero por non dar a interpretar unha negativa impenitente como imperdoable descortesía, ao cabo accedín. As miñas prevencións proveñen dun razoamento simple: unha cámara fotográfica é unha máquina que se limita á reprodución da realidade. Vale, vale: a fotografía é unha arte e non serei eu quen o discuta (e menos cando aínda teño na retina a impresionante expo de Lee Miller na Fundación Caixagalicia da Coruña). Claro que sobre o produto (ou o induto) da reprodución fotográfica inflúe a mestría, personalidade e estética do artista de tras a cámara, pero, de seu, a captatio é cuestión de microsegundos. A arte pictórica é outro cantar, unha constructio de días, semanas ou meses, na que se verifica unha inevitable simbiose ou ósmose do ser humano artista co ser humano obxecto do retrato, unha relación que pode estar presidida, no momento da creación e para a perennidade, polo arcano do máis impenetrable misterio. Pense, entre innúmeras mostras, nos retratos da moza da pérola do meu adorado Vermeer ou no rosto de Moro por Holbein e entenderá o que digo. A outra distancia, Wilde coqueteou tamén con tan engaiolante mestura: transvasar a personalidade de Mr. Grey ao canvas que o conservaba e envellecía como el.
Hai uns días, o bo do meu amigo esteta e pintor xiroume visita e, medio desesperado, confesoume que ningún dos ensaios sobre a miña vera effigies, practicados sobre unha trintena de primeiros planos, acababa de convencelo. Na súa opinión hai algo no meu rostro que el non é quen de capturar (e abofé que non serán as liñas de expresión, o frunce dos beizos, nin a acuosidade dos ollos), algo que subxace ao que fisicamente ve. A tal punto, que o retrato que me traía, o máis aceptable na súa opinión do conxunto das probas deliñadas, intitulouno Enésima aproximación a una cabeza inescrutable. Cando o vin, sufrín un forte impacto. Alén dunha magnífica obra, trátase probablemente do retrato da miña alma vista dende fóra. Cousas así asustan.

No hay comentarios: