28.9.11

Sen solución de continuidade?

Malia que aprender ten en galego o dobre valor dos latinos 'docere' e 'discere' (e, así, estou aprendendo a tocar a guitarra e estoulle aprendendo a Maria a tocar a guitarra), para os efectos dunha sorte ou ensaio de frase lapidaria que vou emitir como introito deste post, preciso botar man do verbo alternativo ensinar, de dubidosa enxebreza si, pero que resulta útil para desfacer molestas anfiboloxías. A frase lapidaria (que, nacendo con tal vocación, ten ben pouco futuro como frase lapidaria) é: O máis grato de ensinar é o moito que se aprende.
Hai uns días, respondendo ao xentil convite dun grande amigo e colega de fatigas varias, impartín unha sesión docente de dúas horas nun curso de "Hermenéutica de textos filosóficos", materia de primeiro ano do grao en Filosofía. Dito así, probablemente soe a que fun convidado pouco menos que por don Pantuflo Zapatilla a impartir unha charla sobre a trascendencia económica da colombofilia aplicada ás tecnicas modernas de agrimensura. Pero non. A cousa é moito máis simple: sendo que a hermenéutica, como quere o lexicógrafo, é a arte ou ciencia de interpretar textos, a miña disertación consagraríase, precisamente, a un breve percorrido crítico pola orixe e evolución dos textos, como soportes da interacción e transacción da cultura. Titulei a lección, de xeito ben pouco preciso, O libro, a comunicación e a cultura. Durante dúas horas, e perante un abigarrado auditorio de máis de cincuenta mozos e mozas, de actitude primeiro cauta, pero despois extraordinariamente dialéctica e fluída en relación ao orador, establecín os fitos, ao meu modo de ver, máis salientables dunha evolución sen solución de continuidade, pois tal foi o leitmotiv da disertación: así, entre a arquifamosa moza pompeiana do séc. I d.n.e., que terma coquetamente do stylus e a tabella, e unha moza xaponesa que sostén unha tableta Google Android, ou entre unha táboa cuneiforme sumeria, o papiro grego de Derveni e un codex medieval non hai solución de continuidade, pois son formas diferentes dos mesmos procesos: transaccionar a información de xeito activo (escribindo) ou pasivo (lendo). E aquí, -porque ensinar é ensinar a dubidar (a frase lapidaria, neste caso, é de alugueiro)- introducín un elemento crítico: sen solución de continuidade? Non. Os seres humanos precisamos someter os feitos e as entidades do coñecemento a lindes, mouteiras, clases e categorías de clases. Cremos, desta maneira, que a primeira novela moderna é a do fidalgo cervantino, que en 1789 c0meza o que chamamos mundo contemporáneo ou que o libro inventouno Gutenberg. En efecto, mediando a décimo quinta centuria, nun escuro obradoiro maguntino un curioso personaxe a medias intelectual e a medias industrioso artesán fundía en chumbo caracteres góticos para aplicar á galera, imprimir páxinas e reutilizar as matrices, así fundidas, en galeradas e páxinas novas. En tres anos, entre 1452 e 1455, contan as crónicas que aquel meu tocaio (Johann ou Hans) imprimiu unha Biblia latina na exigua tiraxe de 180 exemplares. Herrn Gensfleisch, por completo alleo á categorización que da súa persoa e obra ía facer a posteridade, puxo os fitos da segunda solución de continuidade nos soportes da cultura. A primeira foi, claro está, a propia invención da escrita, pois dende as orixes da linguaxe habían de pasar centos de milleiros de anos antes dos primeiros ensaios de transacción gráfica das mensaxes orais (contra, digamos, o cuarto milenio a. C. en Sumer). A terceira solución de continuidade -internet e a expansión ilimitada da información- estámola vivindo e, como protagonistas ou testemuñas dun feito tan impresionante, debemos sentirnos privilexiados. Analizada dende este punto de vista, a dialéctica diaria sobre a competencia de soportes e os eventuais triúnfo ou retroceso do ebook a respecto do libro impreso devén unha liorta un chisco mísera e inútil . Porque, de cando en vez, cómpre poñerse un pouco apocalíptico. Ou estupendo, como don Máximo Estrella.

No hay comentarios: