Creo lembrar -teño agora tal preguiza que non me vou molestar en comprobalo- que nos parágrafos iniciais do meu querido Shanti Andía, o vello mariñeiro, relembrando a singradura da súa existencia, anuncia: Debo hablar de mí. En una autobiografía es inevitable. Hai nese debo unha humildade implícita, unha vaidade represa que acaen ben á captatio benevolentiae que todo autor precisa: non lle gusta falar de si, pero, para os propósitos da novela, resulta imprescindible. Tampouco eu gusto especialmente de aplicarme pomada e creo non telo feito máis ca cando considerei que a trascendencia dos feitos comigo relacionados -logros, actividades interesantes, tendencias...- concedíanme licenza para unha leve vaidade. E isto malia que un blog, pola súa intrinseca natureza de bitácora ou diario, devén moitas veces un repertorio, inane, patético e baldeiro, de inmodestias e egotismos. Todos precisamos do noso pequeno ego, pero en ocasións, en certas personas o tal ego é un xigante de medidas abafantes. O malo é que tamén, por veces, unha excesiva inmodestia pode conducir a unha actitude doadamente interpretable como falsa ou impostada. Deixa que é complicado isto de situarnos no mapa do mundo! Ben. O que quero dicir con todo este introito tan estantarelado é que algunhas das miñas colaboracións no recentemente pechado xornal GALICIA HOXE recibiron un premio. Non vou disimular que, por varias razóns que noutra altura explicitarei, a cousa prodúceme unha íntíma e tépeda satisfacción, que non sei se ten ou non que ver coa vaidade. Penso que non, porque se algo me teñen aprendido os anos é a relativizar o valor das cousas e a non conceder excesiva importancia aos sempre mundanos fastos e ouropeis. Pero si satisfacción, pois semella que, ao cabo, segue habendo quen aprecie ideas frescas para alén da actualidade política e a aburridísima cuestión lingüística, e, sobre todo, para alén das lindes, influencias, intertextualidades e nomes perfectamente coñecidos do inefable circuíto"oficial" do galeguismo cultural, ao cal eu non pertenzo.
Alguén do tribunal faloume de talento. Este é un perigosísimo substantivo tras o cal non hai más ca reflexos sobre a auga. Ora, si podo dicir, con don Pablo malagueño, que a min as musas sempre me pillan traballando. Grazas.
Máis ideas sobre premios.
6 comentarios:
As miñas felicitacións, benquerido "José Luís", polo merecido garlardón. Non faltaremos ao acto de entrega. Até daquela seguirei, coma decote, a frecuentar os Fragmentos a ver que deixas.
Home, Manoliño, ditosos os ollos que te len. Sigo a carreira guitarrística de Pla Vinseiro, que está feito un crá. Dálle saúdos. E para ti, dende esta magestuosa atalia, unha aperta das gordas. Te quiere,
Benedicto Mol
Os meus parabens. Apertas.
Obrigado, Augusto. Apertas.
Noraboa Juan,polo recoñecemento do teu traballo.
Moitos bicos dende A Estrada....
fragmento dun fragmento dun fragmento da galaxia.
Bicos tamén para ti, María, e fondamente obrigado polo afecto.
Publicar un comentario