23.5.11

Unha parábola


O último domingo España lle dixo a un dos dous partidos que a gobernan alternativamente, o pretendidamente progresista, que xa lles vale; que ata aquí podiamos chegar; en fin, que xa está ben de componendas e caralladas e que vaian pensando en deixar o sitio. O que hai que ver agora é que vai facer o outro principal partido, o pretendidamente conservador. Moita xente, perante un resultado tan contundente (e nalgúns casos sorprendente), pregúntase pola relación entre o veredito das urnas e o movemento do 15M. Eu non son sociólogo (arrenégote!) nin politólogo nin sequera afeccionado a falar de política, son un simple e curioso impertinente que, por veces, e non tendo cousa de máis vitola en que empregar o tempo, pensa. E penso que esa relación, de existir algunha, é complexa. Pero do que non cabe dúbida é de que a indignación se dirixe sempre (claro está) contra o poder. Seica a capital do reino andaba inzada estes días de atrás de carteis nos que a vera effigies de Zapatero e o candidato Gómez rindo a cachón recurtábanse contra un fondo vermello e, no pé, líase: «Cinco millones de parados». Ao mellor foiche iso, non sei. Sobre o 15M e unha iniciativa que (por fin!) é capaz de mobilizar os rapaces de hoxe por unha causa, hai varias posibles lecturas, semánticas, esexeses e hermenéuticas. A tal respecto, a escena protagonizada por unha nai indignada de verdade perante a reiterada insolencia do seu fillo adolescente, da que fun recentemente involuntaria testemuña, púxome sobre certas pistas que hoxe quixera someter á reflexión do prudente lector. A filípica materna desenvolveuse, aproximadamente pois cito de memoria, nos seguintes termos (hai no texto unha tendencia máis ca notable á aliteración e unha relativa desorde sintáctica, que non son trazos estilísticos: débense, máis ben, ao estado de excitación nerviosa da alporizada emisora):
O problema teu e da túa xeración é que vos credes con dereito a todo, co puto dereito a todo. Sodes os fillos da opulencia, da sobreabundancia e nós, como pais, non soubemos educarvos no esforzo, no valor inestimable de saber o que é a escaseza, na importancia do deber fronte á permanente esixencia do dereito. E, claro, non tolerades a negativa. Non se vos pode negar nada porque estades afeitos a conseguir todo o que queredes: porque, claro, non é unha solicitude nin unha petición o que formulades, é unha esixencia, unha esixencia que non admite espera, que é o formato habitual da vosa relación connosco, cos profesores, coa sociedade. Unha boa parte dos teus colegas acampados no Obradoiro, que esixen das autoridades aseos e esixen poder ficar alí sen que os desaloxen, son os que todas as semanas emporcan no botellón a alameda e o campus da universidade con toneladas de botellas de plástico e cristais rompidos, papeis e vomitonas, sen molestarse, por suposto, en recoller absolutamente nada, porque, claro, para iso está a sociedade, eles non saben moi ben quen, nin lles importa: a sociedade, o puto sistema; e o puto sistema neste caso son os barrendeiros, que non chegan a mil euros ao mes, que están para sacarlle a merda a tal colección de insolentes. Calquera lles di que non hai botellón! Porque, claro, a xuventude é hoxe intocable, está mitificada socialmente, e a culpa é, de novo, nosa: antes os nenos viñan, agora imos por eles, e vos temos durante anos nunha especie de altar, adorándovos, facendo de vós o centro das nosas vidas, cumpríndovos toda clase de caprichos, satisfacendo permanentemente unhas ansias de consumo que van de máis a máis, e, de novo, voltamos ao principio: xa non sabemos dicir que non, é unha práctica que temos esquecida. E sabes o que che digo? Que non vos mobilizades por nada, porque, no fondo, sodes unha xeración ultraconservadora, claro, porque o que queredes é conservar un sistema de vida no que non vos falta de nada e non tedes ningunha revolución que facer nin credes en nada que vaia alén do día a día e as putas máquinas ás que vivides enganchados. Pero, claro, agora vos tocan onde máis vos doe, e, por fin, lle vedes os dentes ao lobo: a crise non é un rollo macabeo dos vosos pais e do sistema, que xa solucionarán, non, a crise vos afecta directamente, e nin a sociedade nin o sistema saben como solucionala e cometen o pecado imperdoable, por primeira vez, de negarvos algo, para a vosa grandísimam indignación: nin máis nin menos que o traballo, é dicir, o que vos permite acceder ao consumo. Agora si que vos mobilizades, non? Xa non é só para pasalo ben nos concertos e nos macroconcertos de cinco días. Pois sabes o que? Que o tedes ben fodido, e xa podedes ir pensando en mobilizarvos máis, xa tedes unha revolución que facer, xa se vos rematou o letargo: a crise chegou para quedar, é unha cousa vosa, porque entre vós están os políticos do futuro e o mundo que vos queda é ben difícil, ou sexa que xa podes ti e a túa xeración ir cambiando o chip. E a próxima vez que me contestes así, nin que sexas case un home nin farrapo de gaita, crúzoche a cara, oíches?
Eu pensei que se podía dicir máis alto (pouco máis, porque o ton xa era abondo elevado) pero non máis claro.

7 comentarios:

Ana Bande dijo...

Pois non lle hai que pensar moito señor fragmento para ver ahí unha nai cun discurso que responde perfectamente a un dos estereotipos máis resistente construido polos que agora somos pais para descargarnos da mesma culpa que asumimos e quedar así, tan panchos. É un discurso fillo da preguiza intelectual, eu diría un discurso deses tipo benegá que de tan facilones penetras coma espelidísimos espermatozoides no ovo social para aniñar definitivamente facendose ademáis cunha segunda vivienda de luxo. Son dese argumentos virais que serven para moito, entre outras cousas para votarlle ao pepé que si que educa moi ben aos seus fillos, porque como son xente sen demasiado excedente financeiro adoitan levar ao nenos a colexios públicos e os manteñen nunha escaseza tan pedagóxica como di a señora. Que manía temos os cuaren/cincuen/sesent@s de desprecias á mocidade ¿e será envexa? Querería ver eu a esa nai aos dezaseis anos onde ía as fins de semana, creo que daquela se levaba ir de guateques ás obras e deixalas todas emporcadas con restos de todo tipo.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Benquerida Ana: os estereotipos, como os tópicos, constrúense a base de realidades machaconamente insistentes. Fáleme a min de preguiza intelectual, cun fillo hiperactivo de de 17 anos. A nai da que falo marchou da casa aos quince anos, a casa dun irmán máis vello, e os dezaseis tivo o seu primeiro traballo de chica-recepción nun centro comercial. Creo que nunca foi a un deses guateques de obra dos que vostede fala (a dicir verdade, eu tampouco sabía da súa existencia). Confundir ou mesturar o meu razoamento (ben, o razoamento desa nai) coa envexa á xuventude(???) e a miña eventual proclividade ao PP (??????) non está, prezada amiga, á súa habitual altura intelectual. Entendo que é produto dunha certa pataleta poselectoral. Entre outras cousas, direille que me atopo impecablemente ben na miña pel de cincuentón. Unha pregunta, sen ánimo de ofender: ten vostede fillos?

Anónimo dijo...

O anterior comentario é meu, non seu por que non me deixa subilo coa meu nome (Ana)

juan l. blanco valdés dijo...

Prezada Ana: non sei que pasa para que o seu comentario non saia publicado no blog. Eu vino porque teño un feed a unha conta de gmail e por iso podo respostarlle. Ten vostede demasiado estilo e intelixencia como para incorrer en ofensas, e en absoluto vin nas súas palabras un ton ofensivo, senón un ánimo de dar guerra e caña, que para iso estamos: discrepar é o máis san que existe. Ora, recoñezo que o meu post (que vai ser a contra de mañán de GALICIA HOXE) tiña trampa, como vostede di: un calote máis estilístico ca outra cousa. Sabe que? Ultimamente síntome un chisco virulento, acaso canso de milongas, non lle negarei que mesmo algo agresivo, e sinto a necesidade de resultar ata algo incendiario, de dicir o que ninguén di, se errado ou non será, claro, opinable. Iso é o que creo. E tamén creo que resulta vostede unha seareira de luxo.

cãosemdono dijo...

Gustaríame dicir que atopo incorrecta a caracterización dos dous partidos turnistas da segunda restauración borbónica na que vivimos: ó partido "pretendidamente conservador" coido máis correcto denominalo como "decididamente conservador", e asumo que boto man dun eufemismo bastante groseiro (por defecto, mádia leva). Admito, iso sí, a caracterización do outro partido como de pretendidamente progresista (sobre todo porque se un renuncia, qué sei eu, a facer bandeira das políticas nidiamente redistributivas das rendas, por exemplo, ou a combater sistemáticamente os privilexios inxustificados, me parece que tal pretensión progresista fica niso: en pretenciosidade nominalista).

Alén diso, prégolles que fagan o favor de non transformar un interesante debate político de fondo calado nunha aburrida liorta interxeracional... que non temos edade! Gracietas á parte, paréceme máis interesante tentar albiscar os movementos telúricos que se poden adiviñar por baixo de todo isto, e que os representantes electos non son quen xa non de combater nas súas manifestacións máis negativas para a cidadanía, senon mesmo de diagnosticar correctamente.

Ana Bande dijo...

Non estou nada segura de que a falla de análise sobre a indignación cidadá é por incapacidade ou máis ben por desprezo. A ocupacións das rúas non lle gusta a ningún dos dous partidos, o decicidamente conservador pola alerxia que sofre perante todo o que cheire a humano e o pretendidamente progresista ese si, ese é por total incapacidade para a análise. Por outra banda, eu, de momento atópome tamén incapacidata para entender os motivos que levan á cidadanía a aplaudir a corrupcións dos seus representantes. Por outra banda está claro que é un andazo que afecta a outros países con maior tradición democrática, o que aínda preocupa máis. Creo que como mínimo hay que voltar aos primeiros oitenta e refacer todo este tinglado que montamos tan mal. Habérá que agardar a que este espíritu indignado se materialice en algo medianamente permanente, e logo ir pouco a pouco apoiándoo para que creza forte e san. Saúdos!

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Hoxe publiquei na contra de Galicia Hoxe este post, con leves modificacións (algunhas, por certo, derivadas das impresións de Ana Bande). Permítome (e non quero que soe a vaidade, só é un punto de vista máis) incluír o texto da carta que da redacción do xornal me remiten a min:

En el día de hoy me alegro la mañana al darme el gustazo de leer sus reflexiones acerca de este extraño movimiento 15-M. Estoy plenamente de acuerdo en sus pinceladas con respecto a estos "pobres-listos" los cuales yo con mis casi 37 años no me identifico para nada aun siendo de la misma generación?jjj . Será cosa de la educación que he recibido. Aunque reconozco que como padre pecamos de excesos con nuestros hijos y posiblemente pequemos por querer darle cosas que o no nos dieron bien por falta de medios o mas bien en mi caso no nos dieron por encauzar unos valores y respecto por el valor de las cosas. Que fácil es cuando uno tiene un respaldo detrás tirar de progresía y exigir utopías en tiempos como en los que estamos?
Le felicito por su artículo, pues es un diario que no suelo leer pero hoy por accidente tuve la suerte de disfrutar con sus reflexiones.

Saúdos.

Un saludo.