17.5.11

Universidad 2.0


O outro día mencionaba meu irmán Roberto, no seu artigo semanal de La Voz de Galicia, unha cita de Clemenceau, que ―para alén de situar no seu sitio, por comparación, o nivel dos políticos actuais― váleme a min tamén para dar contexto ao acontecemento que hoxe quero comentar. Sentenciaba o vello raposo francés que a guerra é asunto demasiado serio para deixalo en mans dos xenerais. Penso eu, do mesmo xeito, que a educación é asunto abondo transcendente como para deixala en mans de pedagogos, e, moito menos aínda, de informáticos, pois, como é perfectamente sabido, unha entente de tan peculiares corpos profesionais non pode ter máis ca funestas consecuencias. Vale. Que non se me alporice o galiñeiro, que era broma. Está ben, broma non, digamos «ironía». A ver (conector de uso estendidísimo). Creo, no fondo ―e fago esta crenza extensible, cando menos, a boa parte das ciencias humanas e sociais ― que a especialización excesiva conduce inevitablemente a unha paulatina artificialidade dos argumentos, os cales , nun momento dado, comezan a afastarse imperceptiblemente da realidade e a orientarse máis en termos do que pode facerse ca en termos de para que facelo. Constitúe este un risco que se verifica, con especial claridade ao meu modo de ver, cando é posible aplicar solucións tecnolóxicas a actividades que se levan desenvolvendo convencionalmente durante séculos sen tales solucións. Non me entenda Vde. mal: eu non son un tecnófobo, pois de selo estaría en contra do teléfono, a lámpada incandescente, o bolígrafo e o fotomatón, solucións tecnolóxicas ―xa máis subimes, xa máis modestas― que nos fan a vida máis doada e agradable, e viviría nunha cova do Pico Sacro cun taparrabos ao estilo Ted Nugent cuspíndolle á civilización o meu infinito desprezo. Non: os avances técnicos son, de seu, bos e sempre desexables. O malo é cando a tecnoloxía mesma se impón sobre a necesidade. Existe, en rigor, a necesidade de dixitalizar todo o patrimonio escrito da humanidade e ubicalo na nube cibernética para universal disfrute? (a respecto desta universalidade permítame o benévolo lector lembrarlle que, a día de hoxe, Galicia está na cola de penetración de internet de España). Existe a necesidade de meter nas tripas dun chintófano unha cantidade de libros que nin en catro vidas teriamos tempo para lermos? Existe a necesidade de dotar ao docente dunha tecnoloxía supersofisticada que, en definitiva, non vai ser quen de suplir nin disfrazar carencias que o mesmo docente poida ter? Existe a necesidade dunha máquina capaz de escanear 15000 páxinas por hora (esta máquina, por certo, existe: chámase IEEE Spectrum, está dotada dun chip de supervisión e foi desenvolvida pola Universidade de Tokyo)? Conste que eu non teño as respostas. Limítome a formular dúbidas e, por suposto, a pinchar ás partes implicadas. Isto, formular dúbidas e pinchar as partes implicadas, foi o que fixen o pasado día 12 de maio na xornada Universidad 2.0. Na procura da innovación educativa, que grazas ao entusiasmo do seu inspirador orixinal, o profesor na escola de telecos da Univerdidade de Vigo Miguel Merino, e a brillante organización de Patricia Ibarra, directora de Gestievent, tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Evento de enorme altura, dada a categoría das empresas e persoas participantes, pero que, paradoxalmente, tivo un escaso eco nos medios de comunicación, feito para o cal eu teño varias hipóteses, a cal máis deplorable, que prefiro deixar para o meu chaleque: Oracle, Netex, Microsoft Iberica, Intel, Springer, Elsevier, Pearson Education, Google, Smart Technologies, Meubook, Netbiblo… se deron cita nun interesante encontro no que se debateron boa parte da cuestións que arriba eu suscitei. Pero o país semella non dar valor a estas cousas. Dállo a outras, de todos coñecidas... En fin. No que a min toca, moderei unha mesa redonda na que participaban o meu bo amigo Luis Collado, responsable de Google Books para España e Portugal; Jesús Muñoz, Licensing Manager para a mesma área de Springer; Lucila Ventoso, responsable da área de universidade de Meubook, e Saúl Torrecilla, do deppartamento de licenzas de CEDRO. En pouco máís dunha hora puxemos sobre o tapete, creo, «cuestións palpitantes» (con permiso de dona Emilia): os límites e eventuais monopolios da dixitalización; os riscos do acceso aberto para lexítimos intereses comerciais; a evolución da taxa de conversión do lector convencional ao dixital; a xestión dos dereitos e sistemas de blindaxe e protección da obra dixital… Moi difícil sería resumir tantas ideas e impresións. Quero ficar, provisionalmente, con dúas conclusións contundentes:
a) non é a tecnoloxía: é a actitude.
b) é indiferente sobre qué se lea; o caso é que se lea. Porque ler, simplemente, fai mellores as persoas.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Ler, ¿fainos mellores?, ¿en qué sentido?, ¿moral, ético? Non o creo.

juan l. blanco valdés dijo...

Moral, ético, estético, intelectual, vital, emcional, sentimental... Probe e verá.

Anónimo dijo...

Houbo xente moi lida e moi sabida que meteu millóns de seres humanos ns cámaras de gas, ou as asasinou a millóns tamén por sospeitas de seren pequenos burgueses que tiñan un leiriño propio. Tal os nazis, tal Stalin e compaña. Tamén tiñan unha gran sensibildiade para a música e opinión para as artes, que coñecían moi ben (pedestres: arte dexenerada, arte pestilentemente aburguesada...) Ler fainos máis hábiles, máis cultos, máis sabidos, máis preparados para a vida, pero todo iso podémolo utilizar para facer o mal con máis eficiencia que os analfabetos, ágrafos ou etc. É dicir, podemos ser moral e eticamente unha esterqueira, pero sabermos poñer moi ben o chaqué para ir á ópera ou ver Shakespeare. Digo eu, don Juan... Pero bueno, vostede sabe máis ca min e quizais estou trabucado. Dispense as molestias

juan l. blanco valdés dijo...

Xa intuía que me ía salir con Stalin (esqueceu a Heydrich: o digo porque son o dúo "estándar" ao uso cando se trata de denigrar perversamente as bondades da lectura). A lectura é como todo, claro, pode ser moi boa ou moi mala. Como a tele, a fisió atómica ou o bolígrafo (se o usa para perfurarlle o corazón a alguén). Pero déixeme que lle conte algo: unha vez din unha charla no cárcere da Lama, nun curso de verán da UNED convocado baixo o rótulo "La aventura de leer". Ver convitos de asasinato, roubo con violencia, estafa, maltrato a menores e mulleres, emocionarse cando me falaban da Historia interminable, Robinson Crusoe, O hobbit ou Huckleberry Finn (tanto dá) -que leron no cárcere, porque alí teñen todo o tempo do mundo e ningún acceso a nada que non sexa a tele- é o que me fai substentar a miña opinión. É vostede demasiado culto, e daí o seu xuízo. Ás veces, cómpre ser un chisco máis primitivo. E agora, unha pregunta: con vostede a lectura non o conseguiu? Apertas.

anxo dijo...

Comigo non o conseguiu, desde que leo algo podo ser (só cando me dá a gana, pra contrarrestar algunha putada que me fixeran) máis fillo de puta sen que se me note moito. Por iso apoio a lectura e creo que é moi importante para defenderse na vida dos posibeis fillos de puta coma min. Non sei se me explico...

juan l. blanco valdés dijo...

Unha razón máis -e de peso!- para apoiar a lectura... E ao mellor non é vostede tan fdp como pensa, ho! ;);)