20.2.11

Ferrete divino

Eu, que escribín a miña memoria de licenciatura sobre Palabras compostas en galego-portugués, lembro algúns especimes das cantigas de escarño especialmente procaces e aínda escandalosos. O substantivo mallo ('especie de martelo longo') engadido á raíz verbal fodi- dá o fantástico composto fodimallo, que aparece na frase fodimallo de madeira, co cal o senso final non precisa de maior comentario, e faría o trebello merecente de lugar descatado nunha hipotetica sex-shop do século XIII. Uma vella fududancúa é outro sintagma rescatado do noso cantigueiro medieval que amosa en todo o seu esplendor a inesgotable energeia creadora da linguaxe. Neste caso cunha curiosa hipercaracterización xenérica, pois ao femenino do participio forte fududa ('fodida'), cohesionado nunha única forma coa frase preposicional en cu, se lle engade aínda un morfema, redundante, de xénero femenino: fududancúa. Precioso.
En poucas áreas do léxico, en efecto, a creatividade lingüística -unha propiedade que fai, de feito, da linguaxe un sistema altamente produtivo e económico- se manifesta coa riqueza de matices, ironía, galanura ou procacidade, crueza ou discreción, que o fai no relativo ao sexo e as relacións sexuais. E isto, creo, debe ser un universal lingüístico. Lembro ter consultado para a miña tesiña, precisamente, traballos de investigación sobre o léxico sexual latino que me convenceron en pouco tempo de que, tratándose dos romanos do Imperio, estaba perante auténticos especialistas no tema, dignos devanceiros dos italianos actuais, probablemente os maiores impulsores europeos da húmeda industria do porno.
O finado de meu pai, en paz estea, utilizaba unha expresión que, como moitas outras, eu fixen miña: meter ferrete. Meter ferrete era para meu pai (e vexo que para o dicionario tamén) utilizar expresións mordaces que buscan ofender. Agora comprobo que ferrete, malia non andar nos dicionarios con tal valor, pode referirse metaforicamente ao órgano viril, que tantísimas denominacións ten en román paladino, como ben testemuñou para universal contento o enxendro musical de certo border line.
Polo visto, unha abigarrada entente de músicos, escritores, actrices, actores e produtores vai contribuír por vía xenital á normalización da lingua galega cun filme intitulado O divino ferrete -título tras o cal entendo hai un, bastante chocarreiro, guiño á satira de don Manuel Curros-, que inaugurará o noso "porniño" patrio. Ocórreseme que, invocando a incorporación da fala de base popular no proxecto, un efectivo eslogan promocional da fita podería ser o fermoso dístico pornográfico que eu recordo dun brutarate do meu instituto: Berberechiña, berberechola, apártalle os pelos que aí vai a pirola.
Ignoro se o contributo normalizador d'O divino ferrete se materializará e os seus protagonistas serán algunha vez -convenientemente mortos e enterrados, claro- galardoados co Día das Letras Galegas. Vexo, de por parte, unha limitación, pois o porno é o único xénero cinematográfico onde quitar o volume non compromete a cabal comprensión da trama.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Para normalizar a cousa, eu serialle moi partidario de que a Obra Social de CaixaNovaGalicia, as Consellerías de Cultura e Sanidade e o bispado de Santiago, promovesen unha "Semana do Cine Porno Galego", que podería ter lugar na Cidade da Cultura. Deste xeito, conseguiríamos ademais que os 300 millons de euros que dos nosos cartos gastaron os políticos nela nos dean algún pracer a nós tamén. Así, poderíamos ver alí diferentes filmes inesquecibles do porno patrio nos seus diferentes xéneros.

Por exemplo no SMQ: "Mete os cartiños públicos no fecho do cu" ou "As di putazombis, licenza para a mordida". No soft: "Tocama outra vez presidente", "Caixas requentes, bancos potentes" ou "O albañil, a súa ferramenta e o seu pazo". No gang bang: "Rios de leite no Camiño a Santiago" ou "O inesquecible mango do pelerin". Ou unha de oficios varios: "Politiquea, caciquea e trafiquea, pero ao final metea".

Como xurado propoño a xente competente e imparcial. Por exemplo, os membros do comité de sabios que no seu día asesoraron aos políticos sobre os contidos e o sentido da Cidade da Cultura, ou os directores certos xornais de prensa escrita. Pero bueno, iso podería discutirse logo.

Se a idea lle parece ben, propóñolle que redacte un manifesto en defensa dunha das nosas principais industrias patrias e eu serei o seu primer asinante.

Adrián Solovio

juan l. blanco valdés dijo...

Adrián benquerido: unha análise a súa especialmente incisiva. Haberá que pensar en ir redactando o manifesto de referencia. Apertas.