12.6.10

Little garden

Dentro do ilimitado repertorio de frases lapidarias das que botamos man para sancionar con man allea o que, da propia, semellaría quedar pouco contundente, eu recorro a miúdo a un consello que atribúen, creo, a don Arturo Schopenhauer (aínda que é ben sabido que nisto das atribucións das frasecitas de marras hai moito calote e moito conto): un home -e non sei se o filósofo quería decir varón ou ser humano en xeral- precisa para ser feliz de tres cousas: un (ou unha) cónxuxe compracente; un pequeno xardín e unha gran biblioteca. Aquel (ou aquela) satisfai as nosas necesidades emocionais máis elementais: afecto, compañía, complicidade, amor e, mesmo, de cando en vez, sexo (uy!). A biblioteca colma os apetitos intelectuais, ensancha as nosas perspectivas e nos fai máis cultos e mellores persoas. E o xardín? Ai, o xardín! Non sei como sería cousa cando don Schopen emitiu a súa sentenza. Pero, hoxe, como seres urbanos de existencia artificial e artificiosa, esquecidos por completo os ritmos e tempos da natureza, burdamente substituídos por clichés e comportamentos sociais que nos obrigan a ser o que non queremos ser, o xardín é o recordo enlatado, a lembranza retractilada en celofán de que a natureza, malia térmola olvidada, vive, respira e determina os ciclos da nosa existencia. Chega a primavera e, con ela, os viveiros de flor e plantas ornamentais, estratexicamente situados na periferia das cidades, énchense de xardiñeiros de gardarroupía que, cal mariñeiros de auga doce, saen cargados de caixas con clavelinas, alegrías guineanas, begonias, dalias, surfinias, verbenas, xeranios... para os pequenos xardíns dos seus adosados (seica no galego da G agora dise acaroados). Eu mesmo, que hai oito anos apenas chegaba a distinguir un alcolito dun carballo, son quen, no día, de establecer sutís diferenzas que deixan pampos aos profanos. E, así, cando me arranco a falar de leptospermum, pitosporum, ceanotus, poligalas, euonymus variegata, bérberis, photyneas ou grevilleas, hai quen me recoñece como un auténtico experto. Non digo eu tanto, pero si podo dar fe de que o coidado dun pequeno xardín -rebelde e imprevisible, fronte á tecnoloxía a que estamos tan afeitos, dócil e segura- é un humilde, pero efectivo, exercicio de comuñón con Nai Natura, a quen llo debemos todo.

5 comentarios:

F. Míguez dijo...

Pois non lle digo nada se proba vostede con un acuario ou un estanque (supoñendo que non o teña xa). A cousa, abofé, elle un pelo máis complexa, e coido que inevitablemente terá baixas durante a súa aprendizaxe, como todos, pero poderíamos dicir que é como pasar de dúas dimensións a tres dimensións, unha participación moito máis completa coa natureza.

juan l. blanco valdés dijo...

Tiven, tiven. Un acuario que me daba unha lata de moito sandiós. E ademais tiña uns peixes negros pequeniños que eran un exemplo realmente impresionante de canibalismo, pois non había conxénere que eles non paparan. Ao cabo, farto de limpar filtros e andar todo o día con pamplinas, liquidei os asasinos (con verdadeira satisfacción, por outra banda, como xusto castigo á súa perversidade) e arrumbei o p. acuario non sei onde.
Saúdos.

cãosemdono dijo...

Así "de mamoria" diría que foi Montaigne no canto de Schopenhauer, pero non me faga moito caso.

Anónimo dijo...

Sr. Míguez, eu teño un estanque, e iso son palabras maiores. Tiven acuario, máis dun, e podo afirmar que, comparado cun estanque, sempre exposto as inclemencias, e tamén as clemencias, do tempo, é coser e cantar. Pero a pelexa contra a natureza por (oh, contradición) recreala con éxito, malia ser brutal, ou precisamente por iso, é tremendamente excitante.

F. Míguez dijo...

Co permiso do anfitrión, Sr. Anónimo, na casa o estanque é cousa de meu irmán (unha poza de regar de obra, construída polo meu avó) e o do (mini)acuario eu. De momento, se alguén pode fachendear de éxito, a pesares da "eutrofización" é él, porque eu... digamos que sei algo de baixas.
En calquera caso, supoño que iso tan asiático de recrear a natureza debe ser un fío común para vostede, o Sr. Valdés e un servidor.