17.6.10

L (en números romanos)

Cincuenta tacos só se cumpren unha vez na vida. Ben, cincuenta, dezaseis e vinteoito. Pero 50, o medio século, un número composto da metade de dez e un cero ten un valor simbólico, redondo, e ofrece un xogo de reflexións que van para alén dun aniversario máis. Aínda que non matematicamente (máis quixera eu!) os 50 significan a metade da vida, ou, máis ben, o meridiano, esa liña que sinala (e non quixera poñerme dramático nin excesivamente estupendo) un pico a partir do cal semella que só se pode descender. Nalgures lin que entre os corenta e os cincuenta xermola, especialmente nos varóns, o que chaman a síndrome do home gris, algo así como sentir que un se esvaece entre todos os papeis que leva desempeñado e aínda lle quedan por desempeñar, e que, dunha estraña maneira, se volve invisible aos ollos dun mundo que empeza a pertencer a xente moito máis nova. Por outra banda, a lenda di que a madurez significa a adquisición da sabedoría. De por parte, non me vexo nin demasiado gris nin demasiado sabio. Aos cincuenta recén cumpridos, sigo sendo vítima das mesmas interrogantes, fobias e flias, contradicións, inseguridades e algunha certeza, luces e sombras que veñen guiando, alumeando ou escurecendo esta congostra virada e fodida que é a vida. Sigo sentándome nas beirarrúas, falando so, rindo cando toca e chorando tamén cando toca. Chegado o momento do balance final, non me queixo. Hai, como naquela canción profética que tendía ao absoluto, salud, dinero y amor. E á crise que lle dean bertorella.

6 comentarios:

F. Míguez dijo...

Parabéns, patrón! E que sexan moitos máis, que se di sempre.

paideleo dijo...

Pois noraboa !. E que fagas máis e que nós o vexamos !.

Anónimo dijo...

Noraboa, joder, non está nada mal! Eu que conste que non che botaba máis aló dos 49 do ben que te conservas.

juan l. blanco valdés dijo...

Fondamente obrigado á súa xentileza e bos desexos, que son os meus para vostedes.

apicultor dijo...

Síntollo, amigo Juan Luis, pero o post do anónimo (ou anónima?) di que vostede "non está nada mal". Ou sexa, que algo mal si que está, pero que podía estar moito peor. O eterno dilema da botella medio chea ou medio baleira aplicado a unha idade xa provecta. E non é que lle queira agudizar a crise dos cincuenta, non, líbreme deus. Simplemente é por amolar un pouco.

Parabéns, sexa como sexa. Non lle hai outra, créame.

Unha cordial aperta.

Anónimo dijo...

O que non está nada mal é chegar aos 50 en plena forma.
En canto á conservación, contaba Gila que a súa sogra tentara aforrar durante anos para unha operación estética coa intención que quitarse dez anos de enriba, pero que como era de moito gastar, saíra do quirófano coa cara do sábado pasado.