30.6.10

Cristiano for president

Sobre lingua e ideas preconcibidas, contábame certo lector de portugués dos meus anos da carreira ―nativo de Coimbra e fillo dilecto da súa alma mater― que preto da impresionante abadía de Alcobaça ―alí onde se quintaesenciaron tanto o omnímodo poder como a núa sobriedade estética do Císter―, nunha excursión con estudantes da minerva compostelá na que el oficiaba de cicerone, como queira que o autocar que os conducía levaba claramente serigrafado no exterior “Universidad de Santiago de Compostela”, unha señora á que o meu home inquiriu sobre o mellor itinerario para chegaren ao cenobio, negouse en redondo a contestar, pretextando não percibir o castelán. Cando Mário, que así se chamaba o lector, en perfecto portugués lle fixo ver que el era desa nación, oriúndo de Coimbra, a boa da vella seguía teimando:
―Não percibo, não percibo.
Desta mutua incomprensión hispano-luso-hispana falaba eu hai non moito. Hoxe sorrín ao ler nun xornal gratuíto que grupos de independentistas galegos se desprazaron a Valença a apoiar a selección lusa no partido contra España. A escena na que um espanhol intenta explicar a un camponês minhoto, nun bar de Valença, as razóns que o levan a cruzar a fronteira para alentar a selecção portuguesa só pode recibir un cualificativo: sublime.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

É a necesidade de sentirse tribo. A que sexa, pero tribo. Débelles parecer que fóra está moi frío.

cãosemdono dijo...

Quererá dicir: Cretino Ronaldo, non é? Así teríamos un cretino presidindo unha sociedade cretínicamente universal, ou universalmente cretínica.

En canto o de "sentirse tribo" para combatir o frío exterior ese: efectivamente, segundo qué tribo, así é, e sobre todo se por "fóra" entendemos sociedade líquida e precaria de nómadas desarraigados. Que chapurrearían spanglish, supoño.

Anónimo dijo...

Bueno, todo é opinable, claro, e inda máis isto.
Eu son, como ben intúe, un nómada desarraigado, e non se está tan mal, asegúrollo. En canto ao do spanglish, a min paréceme unha lingua tan digna coma outra calquera, que naceu, coma absolutamente todas, da mestizaxe entre tribos.

cãosemdono dijo...

Ogallá o cerne do asunto fora susceptible de ser reducido á condición de mera opinabilidade ou exercicio de libre elección personal, meu querido amigo. Outra cousa ben distinta é a asombrosa capacidade de adaptación que nos caracteriza (miña nai dí, sabiamente: "onde irás, boi, que non ares?")

Pola miña parte, yo le give a usted mi cuota the spanglish for free, just a cambio de can live in galician language all the time en Galicia, mi brother.