19.5.10

Évidement!

Nun artigo que publicamos en certa revista de humanidades, o autor comezaba afirmando que a proposta que, de seguido, ia expoñer, non lle parecía arriscada; en realidade dicía (ad pedem litterae): Me non somella desgoberno dos miolos afirmar que... Imaxine o resto.
Non sei que pensará vostede, pero eu, que boto a vida lendo, revisando, contrastando, corrrixindo. comprobando e unificando sesudas argumentacións científico-técnicas, aprecio cada vez máis o minimalismo expresivo, a sensatez sintáctica, a cordura estilística, a fluidez discursiva (e conste que non me gabo de que estes fragmentos adoezan de ningunha de tales virtudes). Xa saben, aquilo tan socorrido de pensar de xeito complexo e falar (ou escribir) de xeito simple, e non ao revés.
Creo que temos satanizado o valor do obvio, desas verdades coma puños que agochamos por non parecermos excesivamente superficiais ou pouco profundos e sublimamos por obra e graza de complexas perífrases e atroces virguerías que, alén de voltar críptico e noxento o discurso, aburren e esnaquizan o entendemento. E o obvio, como a bris dunha mañán de primavera, é refrescante, saudable, ordena o caos e pon de novo o seu simple nome a cousas que pensabamos tiñan un nome moito máis complicado. O rexeitamento da evidencia, como base do pensamento, é algo, creo, anexado inevitablemente ao hiperdesenvolvemento tecnolóxico e o grave infarto informativo no que vivimos. O home do campo vive absolutamente reconciliado coa evidencia e aprende dela.
Unha vez, de excursión no idílico Courel, despois de varias voltas, viravoltas e reviravoltas tentando topar a casa rural á que iamos destinados, absolutamente extraviados nunha mesta urdime de "camiños rurais" que o vulgo chama pistas (por suposto sen ningunha indicación), arrisquei a preguntar a un vello que, á beira da estrada, custodiaba unhas cabras. Eu buscaba Paderne. Ao pouco, decateime que o petrucio, servicial e bondadoso, se dispoñía a tomar o seu tempo e, moi ao seu sabor, servirme unha desas explicacións orientativas do país, tan enxebres coma endiañadamente inintelixibles. Despois de varias indicacións precisas (unha planada na que aparcan os coches; un camín que se mete así para esta man -e dobraba a man dereita cara á esquerda-; unha ponte que hai, que esa non a tein que coller; unha subida moi subida...) o meu informante rematou a súa detalladísima folla de ruta cunha guinda simplemente sublime.
-E, ao chegaren a Paderne, xa hai un cartel que pon... (detívose un microsegundo, intuíndo que ía dicir unha tontería pero a cousa xa non tiña remedio)... que pon... Paderne.
Tentado estiven de baixar do coche, tirarlle a pucha da cachola e bicarlle as canas.

6 comentarios:

Ana Bande dijo...

jajajajajaja...si señor, a marabillosa e cada vez máis inintelixible simplicidade cartografada como se merece. Sempre tan atinados estes fragmentos, que gustazo lelo ondiá!

M. Diéguez dijo...

Pois tal que así, querido Xoán. Verbo da elegancia e precisión no estilo, xa o dicía Pla (o Josep, non o meu fillo): "todo eso que dice está muy bien, pero lo verdaderamente importante es el adjetivo". Eu tamén me lembro do ínclito colaborador da citada revista, home que se expresaba con tanto hipérbato porque de seguro non tiña cousa importante que dicir. O que eu non sei ben é como fas ti para poñerlle a orella a canta ocorrencia feliz ten a nosa paisanaxe por eses camiños de Deus; aínda que agora que o penso, estas virtudes tamén se herdan.
Saudiños

Anónimo dijo...

O de sinalar á dereita mentres se di "á man esquerda", e viceversa, é mítico. Inda máis: o mesmo cicerone pisteiro pode sinalar aleatoriamente dereita/esquerda tantas veces como diga que hai que xirar. E se os informantes son coma min, que cando me preguntan repito as indicacións 5 ou 6 veces (alto e claro coma se mo preguntara un estranxeiro ou un imbécil), a última cando o condutor, desesperado, xa volveu arrincar e ameaza con pillarme os dedos coa ventaniña sen perder o sorriso xiado, pois iso, que de cada vez sinalan para un lado distinto.
Ou é que dou con todo canto disléxico hai a carón dos camiños/rúas/pistas ou non o entendo.

paideleo dijo...

E por que sempre se fala de ramales que non hai que seguir ?.

Anónimo dijo...

Iso tamén é verdade. "Ve vostede...? Pois por esa non". Mítico.
Tamén está o que despois de preguntarlle "por onde se vai a...?", pregunta á súa vez: "e logo vostede... de onde ven?".

juan l. blanco valdés dijo...

Un clásico. Xa o dicía eu no meu post: e ló vén unha ponte que e esa non a tein que collerz. Aos quince minutos, chegamos á ponte e o que lembramos é que algo dixo da ponte pero somos incapaces, na barafunda explicativa, de decidir se collela ou non. A lei de Murphy pide, en todo caso, que tomemos a ponte.