1.6.09

O cabalo, a rata e o ornitorrinco


Un amigo anónimo desta casa, un pouco cascarrabias e quejica pero boa xente e agradable, afirmou en certo debate xerado por un post meu un argumento que non quito da cabeza, pois ten un pouso de razón, que, cando menos eu, non podo rebater: os blogs son un negocio para corentóns. De momento, déixenme retroceder vintecinco anos, e logo volvemos sobre tan contundente aserto.
Os xogos característicos da adolescencia teñen todos eles unha dobre compoñente: o espertar sexual e a propia imaxe. Quen non ten xogado á cerilla e respostado á pregunta decisiva quien te gusta cando se apagaba o misto, para non chamuscar a punta do matapiollos? Outro pasatempo de larutos había, do que fun eu vítima nunha ocasión, que consistía en facer espirais cun boli ou lápis sobre un papel ininterrompidamente e durante un tempo prolongado, cos conseguintes comentarios de estrañeza, impaciencia e fastío ante tan estúpida actividade. A escuso, o/a bromista ía tomando nota de todo e logo, cando remataba a cousa, declaraba que tales comentarios eran os que acostumaba un a facer no acto sexual: joder que coñazo; esto no se acaba más; ya me estoy mareando con tanta curva; puedo parar de una puta vez?; esto que sentido tiene?, e tal. Outro chascarrillo había no que se preguntaba que animal lle gustaría ser a un; que animal lle dá noxo e que animal lle parece o máis estraño do mundo. Poñamos un cabalo, unha rata e un ornitorrinco. A cousa tiña unha correspondencia chocalleira co noso lugar no mundo e era, no fondo, unha advertencia sobre a necesidade de graduar a nosa vaidade: un cabalo ―forte, nobre, fermoso― era como un se ve a si propio; unha rata como nos ven os demais e un ornitorrinco como somos en realidade.
Xa de corentóns (mesmo de corentóns pasados como este menda), e xa que os blogs son un negocio para maduros melancólicos entre os que nomeadamente a educación da prole é labor preeminente, traio de novo a colación o noso mapa do mundo, na altura das nosas vidas na que andamos, e a sempre suxestiva cuestión de cómo nos vemos e como nos ven. Eu creo ser o mellor pai do mundo: coherente; firme pero nunca autoritario; tolerante e comprensivo pero severo cando é preciso; ecuánime, equilibrado e sensato, características todas elas que me compelen de xeito docemente inevitable a crer que meus fillos ven en min un modelo a seguir. Pero, o vaidade!, e se non fose así? No limiar a Ética para o meu fillo, conta Fernando Savater unha anécdota que moi ben pode ser ―eu así o vexo― aviso a mareantes: un neno de cinco anos di ao pai: Papi, canto gustaría de ir contigo e mamá a dar unha volta polo mar nunha barca. O pai, co corazón feito biscoito, dille: Claro, filliño, cando poidamos o faremos. E ―repón o neno― cando esteamos dentro, ben dentro do mar, tirareivos a ti e a mamá para que afoguedes. O pai, dorido: Pero fillo!! E o neno: É que os pais dades moita lata!

8 comentarios:

Anónimo dijo...

A min moléstame moitísimo esa falta de obxectividade da xente que se considera o mellor pai do mundo, e inda máis a daqueles que cren que os seus fillos son os máis guapos e os máis listos, e andan todo o día tocando os mesmísimos co asunto. Calquera cun mínimo de obxectividade e dous dedos de fronte ve que as máis guapas e listas son as miñas. E eu coma pai... onde vai parar! Quite, quite.

juan l. blanco valdés dijo...

O cabalo, a rata e o ornitorrinco.

Iacobus Von der Stein dijo...

Pois a mín os meus fillos dinme que son o millor pai do mundo. E, estaría bo, eu tamén que os meus son os millores, faltaría máis. Xa ve, D. Juan non somos nada orixinais, pero si sinceiros. Como aperta a calor, tamén pola Maía?. Cuidese. Saúdos.

Anónimo dijo...

Por unha vez e sen que sirva de precedente, vou facer unha pregunta realmente aguda e todo iso.
Pais e fillos. É máis fácil/difícil ser pai ou fillo?

Iacobus Von der Stein dijo...

Non sei se lle contesto, pero o que é moi doado é facelos.

Anónimo dijo...

Home, doado si, pero inda sería máis doado se as mulleres non lle deran tantas voltas ás cousas. Nós, cun par de horiñas, temos o traballo feito. Pero elas, hala! 9 meses dándolle ao forno. Mulleres...

juan l. blanco valdés dijo...

Sapristi! Un par de horiñas? A súa parada nupcial, amigo anónimo, debe ser máis complexa ca a dun dragón de Komodo...
Neste debate precísase con urxencia unha voz feminina!!

Anónimo dijo...

Xa ve, amigo, nun só pos coloquei dous dos meus chistes de cabeceira: o da falla de obxectividade dos pais e o das dúas horiñas e o forno (este último non é un chiste, só o digo para que non se me depriman)