26.6.09

Momentos de gloria

A peaxe que é inevitable pagarmos pola globalización da aldea na que habitamos e a estandarización das nosas vidas e rutinas cotiás é o anonimato. A ninguén lle gusta ser por completo anónimo. Hai, mesmo, a quen o anonimato lle resulta insoportable. Aí teñen a Andrés Pajares que é capaz das cousas máis raras por seguir alimentando o cuxé. Porque todo o mundo, xa máis nutrido, xa máis escuálido, ten o seu ego, e busca os seus momentos de gloria. Esta busca pode revestir as máis peregrinas formas. Pulsaba eu o outro día, con asombro, a ansiedade, carraxe e mesmo angustia da oínte dun programa vespertino de Radio Voz -que comanda unha muller coa voz fría e aséptica das dominatrices sm e das tradutoras simultáneas- ao que a xente chama pedindo cancións para llas adicar aos amigos e parentes. Esta oínte sentíase atroz e desproporcionadamente ofendida pois a súa petición, segundo ela, non fora atendida no día e hora acordados. Oír o seu nome pola radio constituía, sen dúbida, o seu momento de gloria e alguén -o malfado, o destino, ese fillo de puta- o impediu.
Disque de toda reunión o noventa por cento é lixo. As reunións das comunidades de veciños e as de P.O.D. de establecementos docentes son un laboratorio onde se pode con toda fidelidade experimentar ese aserto. Tamén son territorios onde moitos buscan o seu momento de gloria, que, polas razóns que sexa, teñen vedado doutro xeito. Falan e badúan, aburren e resultan repunantes emitindo opinións absurdas, afirmando obviedades coa expresión triunfal de quen cre estar emitindo un principio universal, encantados de coñecerse e, sobre todo, de oírse. Momentos de gloria.
Eu, unha mañá escura de inverno, indo en coche de cara ao traballo, e como queira que aquela escuridade me trouxo á cabeza a agonía de Goethe, preguntei á miña acompañante se coñecía as famosas palabras que o gran literato alemán pronunciou no póstrer hálito. Para compensar a rudeza dos primeiros compases dunha nova xornada laboral, buscaba eu tamén o meu momento de gloria, esa impagable sensación de sabérmonos capaces de estremecer alguén premendo na tecla da máis sublime sensibilidade. A miña acompañante, entre bocexos, dixo:
-Siento dejar este mundo sin probar pipas Facundo.
É xusto aí cando un pensa que, por veces, a vida é un fardo gris que ninguén quere.

2 comentarios:

Ana Bande dijo...

jajajajajajaja! deliciosa rutina!

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Celebro que lle gustara, Ana. Saúdos.