As connivencias de música e pensamento poden ser extraordinariamente suxestivas. Non sei se produtivas tamén (teño para min que si), pero, dende logo, suxestivas. Mentres escoito Timewind, do estratosférico e wagneriano líder de Tangerine Dream Klaus Schulze -obra que é para min máis un totem ca un mero vinilo-, lembro algo que un amigo me dixo hai uns días. Viu -ao mellor vostede tamén- un documental no que se formulaba a ficción -de corte francamente saramaguiana- de que unha hecatombe liquidaba a humanidade sobre a face do planeta. Así de simple. Dun día para o outro.
A fantasmagoría melódica de Schulze acáelle que nin anel ao dedo á idea, poética por desprovista de todo consolo, dun planeta baldeiro. As cidades, as fábricas, os zoolóxicos, os parques, os vales e montañas, as urbanizacións e aldeas, os barrios, os bancos das alamedas, as estradas e rúas, as universidades e escolas, os paseos e avenidas... Ruínas, unha inifinita soidade e ilimitada devastación.
Polo visto, tense calculado cantos meses durarían funcionando soas as centrais eléctricas ata o fallo total, que induciría sinerxias ignotas; canto tempo transcorriría ata que as estradas e autoestradas fosen devoradas polo mato. As ratas, que de costume son consideradas especie invencible pola súa impresionante capacidade de adaptación á adversidade, perecerían en brevísimo prazo, a punto tal dependen do lixo e os desperdicios humanos. Só os cans de fociño máis afiado (loxicamente mellor adaptados á caza, a súa actividade xerminal) sobrevivirían; en todo tipo de instalacións humanas abandonadas (fábricas, edificios) crearíanse novos ecosistemas con formas ata o momento descoñecidas de simbioses entre especies animais e vexetais.
Ollo pola fiestra. Mentres o inquietante monotono de Schulze, entre ventos e furias, vai rematando, o val da Amaía amósase vizoso, esplendente, fermosísimo neste solpor estival. Vaise atenuando a luz e nacen fías de brétema. As calvas do verdor de bosques e fragas están cheas de casiñas nas que habitan as penas e glorias, as miserias e as grandezas, as risas e os choros dos homes. Hai momentos de infinita levedade -falsa, perigosa- en que un sinte unha especie de amor global, de universal sentimento de afecto pola nosa propia condición.
El non será unha maldición pensar?
6 comentarios:
Eu escoitara nunha ocasión que se desapareceran tódalas ratas de repente, as cloacas tupiríanse en cuestión de horas. Falaran tamén da cantidade da basura orgánica que procesaban (comían e cagaban, claro) e dos efectos que causaría toda esa basura en estado de putrefacción durante días, semanas, meses.
Parece que todos dependemos de todos. É un feito.
El milenarismo va a llegaaaaaaarrrrr...
Un pequeno agasallo, tardío.
Vinilo?
Grazas polo agasallo, Zimmermann.
Vinilo? Si, vinilo: disco de plástico con microsurco, vulgo single (45 rpm) o elepé (33 rpm).
Dicíallo por que nestas feiras qde discos, cassetes e Cd´s de segunda mán -non copias ilegais- que de cando en vez se anuncian polas nosas cidades, teño visto a precios irrisorios Cd´s, que son regrabacións dixitais desos alemáns e do seu "cantante" e demáis sinfónicos que en el mundo han sido, Yes, Jarre, Vangelis, etc.
Publicar un comentario