28.6.09

Ex toto corde

Veño de recibir, supoño que como todos os contribuíntes -algúns, mesmo, asiduos destas páxinas-, o libro homenaxe a Marcos Valcárcel: Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos. O primeiro que teño de dicir é que este non é libro en agraz e que me gustaría que non existise. Un libro homenaxe a Marcos -inevitable como o outono tras o verán- debería tributárselle cando fose un ancián sabio e venerable, non agora. Agora Marcos é sabio e venerable -debeu nacer sabio e venerable- pero non é un ancián. É un home na flor da vida a quen os amigos tributan un agasallo prematuro en forma de libro -que outra forma podería ter?- transidos todos eles do desexo de que tal libro, e a circunstancia que o motiva, non existise. Nada hai que engadir. Quen coñece a fin de todos os camiños?
O segundo que teño que dicir é que concordo especialmente co parecer dos editores cando, na presentación, destacan que Marcos non é da tribo dos que recorren permanentemente á mantra estéril das perifrasis modais de obriga (hai que, había que, tiñan que), tribo abundantísima por estes pagos e especialmente representativa no circuíto da cultura patria. Marcos non badúa nin se pon para a foto: Marcos traballa, leva facéndoo toda a vida, e, como toda persoa de talla, ignora que é a vaidade.
O libro en canto obxecto e produto editorial merece todos os meus parabéns. Se acaso, un, que é moi amigo do minimalismo e a discreción, botaría en falta terlle concedido menos protagonismo ao libro en si. Quero dicir que o abigarramento tipográfico e a implícita proclama de obsesiva innovación editorial e de deseño de que o libro fai gala amingua, ao meu modo de ver, o protagonismo dos textos en canto contidos. En fin, son críticas menores dun cascarrabias.
Verbo das contribucións e os seus autores supoño que podemos falar dun livre témoin. Estamos diante dun volume que reúne -o meu excluído, claro- todos os nomes que en 2009 representan algo na cultura de Galicia. Vendo, no conxunto, a miña humilde achega, percibo, con todo, unha sensación particular, e naturalmente subxectiva, de alleamento. Pero este é outro cantar. O afecto fai parte, ao cabo, das cousas nobres, esas que nos elevan por riba das diferenzas.
Parabéns sinceros para todos os que fixeron posible este fermosísimo testemuño de amizade.

2 comentarios:

Amigos de Marcos dijo...

Grazas pola súa atención e polas agarimosas palabras.

juan l. blanco valdés dijo...

A gratitude é miña por terdes contado comigo. O agarimo, por outra banda, non ten unha miga de impostura, é absolutamente sincero. Apertas.