11.6.09

Gnothi seauton

Non é moi aplicable a este blog aquilo de quen moito fala, moito erra, pois, non se tratan nel de costume magnitudes obxectivas senón aspectos variados da vida e os libros nos que normalmente andan trufadas opinións, puntos de vista e visións subxectivas do seu autor. Quero dicir que, fronte a un dato, dunha opinión pode dicirse que é discutible, pouco atinada ou oportuna, pero non que é errada ou falsa, o que si se pode dicir do dato. A un blog si pode aplicarse unha variante do proverbio: quen moito fala, moito arrisca. E eu, que falo moito e meto o nariz alí onde non me chaman, sufro por veces os riscos, danos, sensabores e aínda disgustos que derivan do malentendemento e do trasacordo. Porque sucede que os textos son, para o seu autor, coma os fillos para os pais: un quixera que fosen como a el lle gustaría pero logo adquiren un a xeito de autonomía e vida propia e, onde menos se agarda, salen por peteneras e son interpretados do xeito exactamente contrario a como se desexaba. En fin, como dicimos en edición cando metemos a pata e algo sae mal: se non traballase, non tería cometido o fallo. As cousas malas (e, por ventura, as boas tamén) pasan, precisamente, cando se traballa e se fan cousas.
Tras un deses trasacordos aos que me refiro, un visitante desta casa, alentado, non me cabe dúbida, polo máis encomiable espírito de construtiva crítica, diríxeme en privado algunhas suxestións para a mellora deste local, sobre as que, por resultarme algunha delas sorprendente, quixera reflexionar brevemente. Suxíreme,en concreto, 1. Facer textos moito máis breves, 2. Ser menos anecdótico. 3. Evitar ser o gracioso da reunión e 4. Evitar querer agradar a todos.
Sobre o primeiro apuntamento, que podo dicir? Hai posts máis breves e outros máis longos. Se, por sistema, aceptara ser breve, estaría aceptando implicitamente que aos posts longos lles sobra a maior parte, e, modestamente, non o creo. Falo do que teño que falar nas dimensións que entendo xustas e procuro en liñas xerais fiar o discurso para que se siga con certa amenidade. Imaxinan vostedes que un novelista se propoña ser sistematicamente breve? Haberá novelas que lle saian de 150 páxinas e outras de 300. Pois a min pásame o mesmo.
As recomendacións segunda, terceira e cuarta atinxen directamente á natureza deste blog e á chispeante, inimitable e desparramada personalidade do seu autor. Dicir, na miña defensa, que en ningún momento quero ser o gracioso da reunión nin agradar a todos, pode soar a desculpa inútil. Está en todo o seu dereito o meu crítico a pensalo, claro. Pero, xa que sae o tema, déixenme dicir (e coincido nisto con el) que sendo, na miña opinión, moi boa parte dos blogs insoportablemente sesudos, soporíferos ou monotemáticos, anecdóticos, e por tanto baldeiros, ou abertamente verborreicos, eu intento dende estas páxinas ser todo o contrario (chist! dixen o intento): frivolón cando me peta, irónico, anecdótico (tomando a anécdota, sempre, como ilustración dunha idea ou argumento), sesudo en ocasións, adicto a certos temas (pero non vicioso deles), misceláneo, iconoclasta (dentro do respecto), pero -en contra ese espirito pasteleiro que o meu amigo me atribúe- crítico, mesmo acerbamente crítico, e defensor de posicións arriscadas cando a miña conciencia mo dita en moitos temas.
A fin e ao cabo, como calquera produto do intelecto, un blog é en boa medida o reflexo da alma do seu creador. E, coma esta, o reflexo pode ser brillante ou pálido, transparente ou opaco, estival ou de inverno, verde ou gris...

5 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Son ca-ra-llu-dos. Déixese de lerias.

Anónimo dijo...

Están moi ben. A min gústanme. Xa dixen por aquí que este é un dos tres (agora dous) blogs que visito e comento.
Os posts, na súa meirande parte, son longos, é verdade. Tamén as obras de Mozart tiñan moitas notas, ao mellor mesmo lle sobraban algunhas. Cales? Eis o cerne da cuestión.
É o gracioso da reunión, tamén é verdade. Moi gracioso. Teño chorado de risa (lembro especialmente aquel post sobre as multas portuguesas polas efusións amorosas nos parques. Ten que repetilo).
Tamén é verdade que as súas anécdotas son acojonantes. Non sei de onde carallo as quita. Eu agardo por elas.
Agora ben... que intenta agradar a todos? Home, é vostede extremadamente educado, o que nos tempos que corren pode levar a pensar iso a algunhas persoas. Teño visto aquí debates ben agrios provocados pola súa valentía á hora de expoñer as súas ideas (ideoloxía) e defendelas. Non me parece que ande vostede templando gaitas. Como ten que ser.
O que di o outro: déixese de lerias e póñase a escribir. E poña algo gracioso que este tempiño de merda tenme algo tristeiro.

Ana Bande dijo...

Que un seguidor do bló lle achegue suxestións de xeito privado éllo como ir en bici pola autoestrada, vamos que ese seu seareiro debe estar completamente mergullado na fenda dixital, se nón non entendo por que non pon as súas reflexións nun comentario aínda que sexa como anónimo. En canto ao contido das mesmas, non faga caso, totalmente improcedentes, se se escribe pensando nos lectores ao día seguinte quedas sen eles. E así, só por fastidiar, un pouco correctiño de máis si que o é ¿non si? bicazo!

juan l. blanco valdés dijo...

Ana querida: neste caso, hai boas razóns -sobre as que me vai permitir non entrar- para que o meu crítico amigo me visitase e privasdo.
Sobre o de ser educado, creo que nunca se é de máis. Na educación hai un xermolo de respecto, de cordial distancia, de partillar a posición do outro, de tácita aceptación de moitas cousas.
Penso que atribúen a Borges a anécdota dos dous amigos británicos que levaban sendo amigos corenta ou cincuenta anos e seguían tratándose de vostede. Alguén lle preguntou a un deles polo caso e o inglés respostou:
-É que nunca fomos formalmente presentados.
Grazie tante! Cordiali saluti! (Hoxe teño o sábado italianizante, miré usté por donde).

Anónimo dijo...

Ve? Outra vez volve ser vostede o gracioso da reunión. E outra vez volve vostede a manexar unha anécdota acojonante... Non ten remedio.