Eu, cando vou, por esas obrigas veladas que impoñen os nosos diferentes papeis na vida, a tendas do estilo de Pórtico, Cosas de casa e así, comezo a bocexar aos cinco minutos. Aos dez estou loitando abertamente coa modorra. Non hai nada que me aburra máis que mirar colchas, coxíns, alfombras, espellos e menaxe. Agora que ya semos europeos e tanta afección hai ao rollo da decoración, un amigo meu moi ocorrente e zumbón cualifica como "porno light" esas revistas como Nuevo Estilo, Tu hogar, Casa y jardín, e por aí, xa que, razoa, no porno ves o que che gustaría facer e nunca farás (vamos, digo eu, en liñas xerais....) e nestas publicacións ves a cociña, sala, sofá, chalet ou casa rústica que nunca vas ter.
En fin. A min o que me gusta e onde o paso coma un indio é nas librarías. Alí un métese e pérdese. De Borges e O factor humano, de Greene, á Historia interminable, de Ende, ou A sombra do vento de Ruiz Zafón, as librarías son un cerco de acción literaria intimamente conectado co engado dos centos de millóns de palabras que acubillan, cos milleiros de historias, argumentos e ideas que atesouran. Se xa un libro é mundo, que dicir dunha libraría! Eu gusto moito das librarías de toda a vida e estomágame a hiperoferta e aséptica uniformidade dos malls, grandes superficies e librarías de cadea, que por non ter non teñen nin o inconfundible aroma que debe ter toda libraría, como xa teño contado aquí.
Por outra banda, cumprir anos e facelo con saúde é un ben polo que cada afortunado beneficiario de tal privilexio debera reconciliarse diariamente co seu kharma, divinidade secreta ou mito da índole que fose. Eu estou encantado dos 40 anos que vén de cumprir a libraría compostelá Couceiro, un símbolo de permanencia cultural do país. É ben probable que a primeira vez que vin -aló polos setenta, debía andar Su Excelencia nas últimas- un himno galego cunha bandeira branquiazul sobreimpresa fora nun almanaque de naipe de Libraría Couceiro, República del Salvador, 9. Agora, con gallo tan senlleiro, Couceiro vén de editar un pequeno volume de evocacións fermosamente ilustrado en cuberta por Baldo Ramos, co que me agasallou o bo amigo Pablo Couceiro, dignísimo herdeiro do fundador, Xesús.
Parabéns e por moitos anos máis (máis doutros corenta, seguro!!).
3 comentarios:
Non é por faltarlle ao respecto (non debería ser necesario dicilo), pero coido que tería que revisar a cadea de tópicos culturetas que van de "Alí un métese e pérdese" até "inconfundible aroma que debe ter toda libraría". Dígollo porque non é vostede de lugares comunes nin un tipo que teña que demostrar o seu nivel cultural (amplamente amosado).
E outra cousa. Fala vostede das tendas de decoración, pero que me di das tendas de lencería tipo Woman's Secret, Victoria's Secret ou Quenpuideraentrarnoprobador's Secret? Tamén lle aburren?
Joder, calquera lle chista, amigo!
Home, non pensaba que fosen tópicos culturetas, e lameto ben que a Vde. lle parezan tal: é exactamente o que me pasa; entro nunha libraría e a sensación do tempo abandóname; por outra banda, había no meu pueblo unha libraría dun señor que fora represaliado pola súa pertenza á Esquerda Republicana, grande amigo do meu avó. A libraría chamábase "La artística" e era un establecemento máxico. O home tiña as mans máis brancas e delicadas que vin xamais nun cristián e era un prodixio de paciencia e educación. Bueno, o caso é que o cheiro, o aroma daquela libraría -onde se mesturaban trazas de tinta, papel fresco, madeira, humidade, goma arábiga, plumieres...- quedoume impresionado para sempre. Ao mellor é fetichismo, non digo que non.
Do fetichismo de Women's Secret, eu digo como o Hermano Lobo: Auuuuuuuuuuuu!!!
Yo tenía la librería Buceta, en Villagarcía, donde me perdía de chaval mirando y comprando libros. Si que es una sensación que no se olvida. Saludos.
Publicar un comentario