30.9.08

Isto rebenta!

Contan que un multimillonario norteamericano dos anos vinte, sentíndose o home altruísta e con gana de desenvolver un desinteresado mecenado cultural, preguntou a certa autoridade académica de Oxford cal era a receita para ter unha universidade así. O bo do reitor británico lle respostou que, para un home de posibles, era sinxelo: dotar de edificios un campus; enchelo de dependencias, laboratorios, residencias, aulas; deseñar un plano de estudos; contratar profesores e… agardar mil anos.
Non hai nada, en efecto, que poña as cousas no seu sitio coma o tempo, ese mestre sabio, invisible, que, contra vento e marea, moldéao todo e acomoda xentes e cousas, pedras e herbas, mares e montañas ao seu destino inevitable. A historia, que é unha porción de acontecementos variados cos que, para explicar a súa inmensa vastedade, as persoas vestimos o tempo, amósanos, neste sentido, unha eterna lección de circularidade. Nihil novum sub sole quixo o latino. Canta razón tiña! Colla vostede unha moeda de 20 cts. Vale, pois, iso, vale o que custa: 20 cts. Agora agóchea baixo terra, e como coa Oxford University, deixe que lle pase o tempo por riba. Dentro de cinco mil anos, se alguén a atopa, xa non é unha moeda, é historia e o seu valor incalculable.
Na perspectiva histórica nada hai, en efecto, de novo baixo o sol e todo xira e evolúe sen solución de continuidade. Resúltanos imposible porque é agora cando o estamos vivindo, pero, quen sabe se dentro de mil anos, o crack de Wall Street e o buraco sen fondo de Lehman Bros. serán interpretados como os signos da vindeira e insoslaiable apocalipse. De por parte, teño a sospeita (e o medo, máis polos meus fillos ca por min mesmo) de que isto, amigos, non dá para máis. A voracidade deste enlouquecido capitalismo de todo vale, a prédica neoliberal de sálvese quen poida e o que non que se joda están, tal vez, escribindo os compases para que cisne lle cante á «civilización occidental» (e máis altas torres teñen caído, como ben nos ensina Dª Historia).
Tense ao emperador Tiberio, cáncamo e bujarrón, illado na voráxine de vicio que Capri lle proporcionou, como o símbolo preclaro de descomposición dun imperio centenario, que, na súa decadencia espesa e case sólida, anunciaba a oportuna e balsámica profilaxe do cristianismo. Historia.
Acaso que unha bufanda de Prada custe 400 euros ou que a clienta da petshop estea seriamente preocupada pola halitose do seu gato, nun planeta no que tres cuartas partes da poboación se revolven na miseria e sobreviven á enfermidade e a fame, sexan o síntoma co que a historia xulgará dentro de mil anos a decadencia irremediable na que habitamos.

8 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Quen me dera ser vicioso en Capri. Pero o máis curioso é que estabamos escribindo sobre o mesmo ao mesmo tempo. Iso merece un café, aínda que non sei se estará para cafeses. Un yintoni, logo. Marchando.

Anónimo dijo...

O problema non é tanto que haxa "unha bufanda de Prada [que] custe 400 euros" como que haxa tantos necios dispostos a pagar ese prezo por ela.

En fin, non sexamos apocalípticos de máis. Outras veces o capitalismo en crise ten amosado unha extraordinaria rexeneración. Pero non sei eu se desta...

Saúdos.

Anónimo dijo...

... extraordinaria capacidade de rexeneración, tiña que dicir.

Anónimo dijo...

Amigo Fragmentario
O seu post é un exemplo claro desa circularidade: estou seguro que diante das centos ou miles de circunstancias análogas que se teñen dado na historia, se teñen dado tamén outras tantas reflexións como a súa, punto por punto, incluída a preocupación polo destiño dos fillos e o desprecio polo dun, que cre que xa non chega a tempo para a apocalipse que (non) se cerne.
Os vicios de Tiberio non lle fixeron ningún mal a Roma, non prefiguran ningún fin do Imperio, que lle sobreviviu 400 anos. Ninguén é tan importante.

juan l. blanco valdés dijo...

Amiga/o anónima/o:

Si, de certo que o propio feito de ter eu reflexionado sobre a circularidade do tempo e o devir histórico é, no seu carácter circular, cíclico e eternamente repetido, unha metarreflexión, se así pode dicirse. Sobre o amigo Tiberio, lamento terme explicado tan mal ou que se me entendera tan prosaicamente. Por suposto que o Imperio o sobreviviu e non quería eu establecer unha relación de causa-efecto entre a súa depravación e a fin do Imperio, senón tomalo máis coma metáfora do inicio progresivo dunha descomposición que, trescentos anos máis tarde, daría cunha inflexión decisiva, ao liquidar Teodosio mil cincocentos anos de cultura —hoxe chamada clásica— abrazando a estraña teoloxía do fillo dun carpinteiro. Logo, ben axiña, veu o que veu cando os homes do norte cruzaron o limes setentrional… Por iso dicía, amigos, que máis altas torres teñen caído. Nin son apocalíptico nin deixo de selo: é o que hai (de momento). Ora: ningunha convulsión planetaria -como, de novo, a historia demostra- se ten saldado sen "crisis" (en grego 'cambio').
Saúdos.

Anónimo dijo...

Amigo Valdés
Só unha cousa máis e só por se son capaz de provocarlle unha nova reflexión.
"inicio progresivo dunha descomposición" non casa ben con "crisis" (en grego 'cambio')". Por iso me refería eu a Tiberio, se me permite, tamén como metáfora, neste caso, de que non hai tal crise, de que a crise (cambio) é permanente, e de que tan críticos serían o principado de Augusto, ou o imperio de Marco Aurelio como o reinado de Teodosio. Todos eles, como Tiberio, nin inician nin rematan nada: son, un a un, o derradeiro elo dunha cadea e o primeiro doutra, doutra que en realidade é sempre a mesma, a cadea na que inda hoxe vivimos. E falando e escribindo latín retoricamente, que é moito dicir.

juan l. blanco valdés dijo...

Isto é ao que vou. Do elo da cadea no que hoxe vivimos sairá, inevitablemente, outro. Somos produto, en efecto, dos miles de elos que nos preceden na cadea. O que ocorre é que por veces, o elo parece quebrar; non, no quebrar senón dirixir a cadea cara a outra dirección. É entón cando se producen eses puntos de inflexión decisivos que son "puntos de inflexión decisivos" só cando se examinan na perspectiva histórica (xa sabe: Odoacro e Rómulo Augústulo; 1492; Gutenberg; Lutero; 1789...).
Joder, meu amigo, parece unha discusión escolástica dos sabios de París... Póñenme vostedes o nivel moi alto!
Saúdos (e fondamente obrigado pola rica incitación).

Anónimo dijo...

Exactamente: "son "puntos de inflexión decisivos" só cando se examinan na perspectiva histórica". Non podemos estar máis de acordo, así que eu conminaría a todo o mundo a tranquilizarse: todo o que nos pasa aquí e agora parece sempre o máis do máis, dámonos demasiada importancia. Pero non pasa nada. Nunca pasa nada. E se pasara, xa o contarán os libros de historia que nós non leremos xamais.