Coméntame un amigo con certa preocupación que un seu cativo de catro anos fala pouco. Non é que non fale nin se inhiba da comunicación ―o que podería facer sospeitar aos pais cousa de máis gravidade―, non; o neno fala pouco, comparado cos seus amigos e colegas de xogo. Tan rara economía expresiva conduciu aos sufridos proxenitores ―ai, fillos criados traballos dobrados!― a buscar o ditame do especialista, ditame que, ao cabo, resultou tranquilizador. Non evidenciándose dano neurolóxico nin doutro tipo, haberá que agardar. Xa falará cando lle sexa o tempo.
O asunto lembroume á máxica protagonista da marabillosa película O piano de Jane Campion ―da que se ten falado xa nestas páxinas―. A versión do país da estraña mudez da cinematográfica Ada é a do chiste clásico. Trátase do matrimonio que leva trinta anos de casados. O tipo non deu, nese tempo, palabra, coa conseguinte resignación da ―hai que supoñer― aburrida esposa. Un bo día, ao servirlle esta o café, o camándula do ghicho espétalle:
―Está frío.
A muller, sobrecollida perante tal acceso de locuacidade, exclama:
―Carallo! Falaches por fin!
E o tipo retruca:
―Hasta ajora estivo todo ben.
No comentario ao post de hai uns días, Elías, alias 'Venancio', dende México, contábame que intentou, sen o conseguir, explicar aos seus paisanos como é Galicia a base da info da Güikipedia. Eu probaría a contarlles o chiste.
3 comentarios:
¡que preciosidade de película! Dende o silencio percíbese o mundo dun xeito riquísimo. Chéirase mellor e as cores son moito máis ricas e variadas. ¡que teima temos co silencio! Para min non ten nada de malo, ao contrario, só podes estar calado durante horas cunha persoa á que queres de verdade, porque respetas o seu tempo para pensar e facer cousas sen enchelo de obrigas totalmente prescindibles. Dicía Cortázar nunha entrevista que a maioría das veces, ao contrario do que se pensa, os problemas aparecen cando se fala de máis. Calemos pois un pouco.
Enfiando agullas:
http://ardesodoma.blogspot.com/2008/09/anafonofobia.html
SPNB
Jajaja!!! Encantoume o chiste! Mañá mesmo cóntollo aos tíos, a ver se esta vez, sendo máis conciso, son máis ilustrativo.
De todos os xeitos a miña nai, que coñece ben a súa terra di que tes razón, que a Galicia ou un lla ama ou mellor un márchase...
Eu coido que nos temos moita sorte porque ao meu pai (mexicano) gústalle moito subir alá cos avós. O outro día contoume polo skype que hai pouco, por fin, conseguiu unha casa propia na que veranear cerquita de Coruña pra que vaiamos nas vacacións cando a miña nai e mais eu por fin podamos voltar a España. Mamá envioulle unha chea de cousas mexicanas pra decorala, pra que cando eu vaia non se me perdan as cores de acá entre a brétema.
Xa contareiche as miñas impresións cando ao fin poida camiñar nas fragas co meu avó, oxalá que non dentro de moito. E, con sorte, tamén poderei convidar á miña familia mexicana, para que coñezan aos Venancios de primeira man e podamos eliminar prexuízos.
Un bico,
O teu amigo Elías (o lector de allende os mares)
Publicar un comentario