30.7.08

Alcumes

Son inescrutables os camiños polos que a «alma do pobo» (o Volksgeist dos románticos alemáns, de que falabamos hai uns días) se manifesta nas máis variadas formas da creatividade, entre estas, nomeadamente, as formas da creatividade lingüística. Humboldt deixou moi ben establecido o principio de que a lingua é ante todo energeia, capacidade dinámica e ilimitada de creación (principio que, nun movemento sen solución de continuidade, logo aproveitaría Noam Chomsky para dar alicerce á súa gramática xenerativa e transformacional), sendo así que algúns movementos posteriores —como o grupo alemán denominado Wörter und Sachen ("Palabras e cousas")— tiraban susbtanciosas conclusións antropo-culturais dos datos fornecidos polo potencial lingüístico dos colectivos humanos.
Así pois, se a esta creatividade ilimitada —que podemos considerar algo así coma un universal lingüístico— engadimos as características propias de cada nación, o destilado pode ser sorprendente. No caso do país, a retranca e a nosa irrefrenable capacidade de rir de nós mesmos aplicada á antroponimia popular produce o que chamamos alcumes, especimes extraordinarios, merecentes de estudos rigorosos destinados a patentizar, por este través, calidades etnográficas e culturais que van para alén do dato estritamente lingüístico.
En punto a alcumes, creo que todo casal, rueiro, aldea ou pobo ten unha historia propia e característica. Lembro as referencias paternas a un de Cuntis, propietario, polo visto, do primeiro coche —un renault— que se viu na vila, de mal nome José de Merda Fresca. Porque debe saberse que cando o alcume non é aceptado de grao polo destinatario non é alcume, é mal nome. Unha señora, grande, fea e tangaleirá, que tiña un quiosquillo en certa vila mariñeira era de mal nome a Cascola. A coña local da rapazada era ir ao establecemento de tal señora e preguntar, como variante do coñecido refresco de laranxa e limón, se tiña Kas Cola, co que a caraja da vella se daba ao demo e á puta madre do solicitante, mentres este, entre as gargalladas, corría a máis non dar. De mal nome son tamén unha familia doutra vila costeira, os de Cu Queimado, surnome de orixe máis ben brutal, pois resulta que, nos vapores dunha bebedela monumental e, polo visto, por unha aposta, a un devanceiro da tal familia marcárono cun ferro candente do gando en sitio obvio. En Compostela foi famoso aquel Pitobebendo, insgine docente que camiñaba cun curioso balanceo de adiante atrás.
A miña natal Estrada, e a súa volta, foi de sempre proclive á produción espontánea deste tipo de exemplares. Un que tiña unha moblería era Camitas. A outro, bon vivant, elegante, ben parecido e xogantín, quedoulle o precioso alcume de Capricho. Un señor que tiña almacén de cementos, moi afeccionado el á caza e consecuente propietario dunha boa jauría, era Perrillos. Aínda estou vendo a Gustoume, a quen chamaban así polo seu inveterado conformismo e bo parecer en todo. Papuxa era un ornitolóxico villeu, pailán e boa xente, a quen de nenos faciamos a vida imposible agochándonos na alameda e voceando o alcume dende puntos diferentes: cando o bo do home corría cara a uns mirtos, pois de alí saíra a voz, de detrás dun plátano a cincuenta metros saía outro oubeo: Papuuuuuuuuuxa. O tipo volvíase tolo. O saúdo que con carácter fixo empregaba certo señor foi vía certa para o seu sobrenome: Holapollos. A un que era pequeno, forte e con rasgos orientais, quedoulle Chato Mongol. Outro, propietario dun bazar, corría por Cacharrín Buján, híbrido curioso da profesión e o apelido.
Alcumes: creatividade en estado puro. En cada un unha ironía, un apuntamento ao natural, a metonimia dun trazo que define a alguén e o resume no mundo.

3 comentarios:

Ana Bande dijo...

Saborosísimo post, non sei, téñolle que procurar a vostede un alcume que dea fe da súa rigorosidade, facundia, bo escribir e mellor pensar. Leo este post como un agasallo e mesmo me comprometo tamén eu a rescatar do esquecementos a aqueles "tripas" "zoqueiros", "taborelas", "rebollos", etc. dos que falaban os pais na sobremesa e que a min me semellaban mensaxes en clave. Cando preguntaba que era este o aquel outro o meu pai ata se enfadaba, para el era imperdoable o meu descoñecemento absoluto destes nomes, porque eran a historia e a vida da aldea, e claro, eu era unha nena xa urbanita que non se enteraba de nada e que segue na mesma ignorancia. Pérdense nomes, e con eles, persoas, feitos, lugares, porque xa se sabe, o que non ten nome non existe.

El Gachupín de Garibaldi dijo...

Eu teño un alcume moi bo, púxomo un amigo do meu pai: O gachupín de Garibaldi... E son un seguidor fiel do teu blog. Lemo a miña nai, que me está ensinando galego cos teus escritos.

juan l. blanco valdés dijo...

Fondamente obrigado, de novo, amigos, polos comentarios e saudades. Seguirei con este asunto dos alcumes, que é inesgotable.
Apertas estivais! E ánimo coas clase maternas de galego (que fermoso xeito de aprender!!).