14.5.08

Mistificación. Fusión

Nunca fun amigo de mistificacións. Unha cousa é a convivencia natural e intelixente de elementos dispares e outra a mestura artificial e interesada de magnitudes que nada teñen que ver, por moito que ao márquetin se lle poña nos miolos. Tras aquela hai síntese, lecturas claras, constatacións insospeitadas e complexidades harmónicas; tras esta patetismo e tontería. Freddie Mercury cantando con Monsterrat Caballé, por poñer un ejemplo que explicite o que quero decir, representa un estúpido paradigma de mistificación encamiñada a épater mentes obtusas. O selo ECM é un prodixio do contrario.
Supoño que o mundo de hoxe está xa en condicións de avaliar seriamente a impagable achega de ECM á música contemporánea. Dende o seu marchamo orixinariamente escandinavo, dende a ortodoxia ata as formas máis experimentais e innovadoras do jazz, ECM leva décadas promovendo non só os valores que xeograficamente lle son propios (algunhas pérolas, entre moitas: Keith Jarrett, Jan Garbarek, Palle Danielson, Jon Christensen) senón xenialidades de latitudes varias e paraxes musicais complexas na súa variedade pero de notable homoxeneidade funcional, como resultado. De Chick Corea, Gary Burton, Ralph Towner e Stanley Clarke a John Scofield, Bill Frisell, Peter Erskine e ―noutra latitude, esta quente, sabrosona e afastada de friaxes boreais― Flora Purim, Naná Vasconcelos e o gran, grandísimo guitarrista (e cantante, e pianista e moitas cousas máis) Egberto Gismonti.
De entre a ducia de moi venerados vinilos de ECM, gardo con especial devoción O sol do meio día (pronúnciese, de ser posible, á brasilera, co /d/ de día case como un ch, para percibir o que digo), que Gismonti gravou co saxo taumatúrxico de Garbarek, o diálogo coma un torrente coa outra guitarra de Towner e o berimbau, a botelha e outras percusións e ruídos de Vasconcelos e Collin Walcott. Tras unha convivencia militante cos indios Sapain e Xingu, no Amazonas, Gismonti volcou no LP the sound of the jungle; its colour and mysteries; the sun, the moon, the rain and the winds; the river and the fish; the sky and the birds; but most o all the integration of musician, music and instrument into an undivided whole.
Haberá que lembrar de novo a Borges?: a característica do clásico é a súa infinita plasticidade. Todo o disco é un prodixio musical tras outro pero en especial os números que abren cada unha das caras do disco, Palácio de Pinturas e Café, son unha mostra especial, e para min única, da máis exquisita convivencia de medidas diferentes e percepcións plurais (un sueco+dous norteamericanos+dous brasileros) acerca dun mesmo obxecto, neste caso a pulsión primitiva e fondamente étnica dunha tribo incorporada á alma, culta e sensible, dun músico urbano. Levo moitos anos (a obra é de 1977) sentindo a selva, o pó dos camiños, a calor acumulada nos ollos e o sol do medio día neste orgasmo sonoro ―perdón polo transporte de entusiasmo― e algún día tiña que falar del. Era, como tantas cousas na vida, simplemente inevitable; cuestión de tempo.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Que disco inmenso, si señor! E que magnífico post, amigo Xoán. Efectivamente, é unha música que transporta. Os que gusten de Gismonti poderán atopar a súa discografía completa no artigo da Wikipedia dedicado ao músico. Eu tamén escoito moito unha gravación que non aparece na extensa discografía da Wiki. É un directo "Berlín 1975", con Gismonti acompañado por Naná Vasconcelos e Hermeto Pascoal.

donagalaica dijo...

Grande o Egberto!
Grande o seu post!
Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Alégrome de que vos gustara a post e a lembranza do gran Gismonti. Grazas, ademais, Manolo, pola suxestión. En efecto, Hermeto Pascoal (como Vasconcelos) é outro nome moi asociado a Gismonti.
Pero é que, de verdade, O sol do meio dia ten algo de máxico. Faría Egberto pauto co chamán dos sapaín e agroma na música? Para min, un vinilo de culto, único, intemporal. Podía ter sido gravado onte.
Saúdos.