7.5.08

A bandeixa dos recomendados

Algúns benevolentes lectores destes galácticos fragmentos comunícanme que fían moito dos posts que adico á crítica e peneira de libros, e que mesmo, con fidelidade emocionante que por suposto agradezo, adquiren para a súa lectura os títulos que, xa implicita, xa explicitamente, recomendo. Arrenégote! Se hai un ministerio dos moitos que andan nas hijuelas do que, por ocio ou negocio, un fai que me parece espiñento e cheo de arestas e traizoeiros espellismos, tal é o de crítico literario. Acredito pouco na pretensión de elevar a disciplina sistemática —menos aínda científica— o que, en amplísima porcentaxe, alicerza en percepcións subxectivas e sensibilidades persoais. Non serei eu quen diga que tras todo crítico literario hai un escritor frustrado, pero dito queda. Lembro que, con gran candidez pero impecable incisión, un rapaz coa licenciatura do paquete, matriculado en certo posgrao de administración de empresas, contábame que tiñan un profesor que con fachendosa autoridade parolaba e atronaba contra o mal que están organizadas a maior parte das empresas do país, que aquí non hai empresarios senón mercachifles, que se fiaran do seu consello mellor e con ganancia máis pingüe lle iría a moitos deles. A dúbida dos alumnos xurdía clara como a luz do albor, malia non terse expresado nunca por pura educación: daquela por que non monta vostede unha empresa? De certo que, cos seus coñecementos, ademais de facerse millonario —e non gañar o puto soldo dun titular de universidade— a súa sería buque insignia e espello no que mirarse para as firmas do país. Cos críticos literarios «profesionais» (as aspas son miñas) creo que pasa un pouco o mesmo, pero ao mellor estoume deixando levar por unha certa mala uva...
En fin, que me dá bastante medo que se me apoña o raro mérito de ser recomendador de libros, anque non vexo moito modo de obrigar a ninguén a que, se lle peta, deixe de secundar os meus gustos. Aló cada quen.
Por outra banda, como calquera e en calquera actividade, un non conta todo. Vivir sen segredos e gustos inconfesables é restarlle moito sal á vida. Cantas cousas facemos que non podemos nin contar? Cantos libros lemos que non só non nos atrevemos a recomendar, antes ben nin falamos deles? De por parte, poñendo as cartas boca arriba, e xa que sae o tema pero sen que sirva de precedente, direi que estes días atopo moito soaz na lectura dunha vella e roñosa trioloxía inopinadamente extraída da biblioteca paterna que, editada nos comezos dos 70 por un dubidoso «Círculo de Amigos de la Historia», conságrase a Personajes malditos de la historia. De momento, estou co volume 1 adicado a Sade, El diablo e Laurenti Beria. O trío calaveras, vamos. Non me atrevo a recomendalo.

2 comentarios:

donagalaica dijo...

Estou de acordo con vostede na reflexión que fai sobre a "profesión" de crítico. Comentáballe eu non hai moito a unha amiga que por non atopalo ridículo, acababa por entenrecerme un rapaciño recén licenciado, que, como a maioría dos filólogos que saen da Universidade nos últimos anos, andaba ao que podía, sempre, iso si, en traballos (bolsas, para ser máis exactos) relacionados coa súa formación e facíase nomear Fulano de tal: crítico literario. De que, para quen? En fin, que con esta boa amiga, falabamos tamén do mundo da naturopatía, das excelencias que cantan os seus adeptos, con fidelidade sectaria. E viña sendo o mesmo có que vostede di a propósito do frustrado empresario: se todos eses remedios foran tan santos, non deberían estar eles coma rosas na roseira, e non sempre de man sanadora en man sanadora e das frores de bach á musicoterapia!
Non hai mellor maneira de predicar ca co exemplo.
En canto aos seus apuntamentos literarios, non se apure, pois eu nunca lle colocaría esa denostada etiqueta, senon a de lector intelixente e bo escolledor.

juan l. blanco valdés dijo...

De novo grazas, amiga, pola visita e punto de vista, tan enjundioso coma decote. Si, en efecto, consejos vendo y para mí no tengo. Diso está o mundo cheo. Supoño que, como tantas cousas, os críticos son un mal necesario; ¿necesario?
Saúdos.