28.2.08

Steely Dan

De entre todo o que un le ao cabo do día, poucos argumentos ou ideas chegan a producir un impacto máis ca mediocre, ou, polo menos, iso é o que me pasa a min (certo é que os anos fan a un cada vez máis esixente). Pero, de cando en vez, a brillantez dunha imaxe, a instantánea decodificación dunha metáfora produce unha chispa luminosa na nosa maltreita mente, salferida de tanta parvada como se le (e, non digamos, se escoita). Teño unha Historia del Rock, que El País publicou en fascículos en 1986, magnífica obra de recopilación e crítica das orixes, expoñentes e evolución do pop e o rock internacional, debida á, entón aínda incipiente, factoría polanquista, e asinada por nomes como os de Diego Manrique, Jesús Ordovás, Moncho Alpuente, Álvaro Feito, Maruja Torres, Rosa Montero… Un produto editorial moi á altura de case todo o que, como operacións especiais, pon en marcha El País, e unha obra moi entretida que me estimula a evocacións e recordos moi gratos dos vellos tempos. Unha cousa, por certo, que me jode un güevo do meu exemplar é que o índice de nomes está incompleto e interrómpese no G (o que falta é o último fascículo, a saber onde andaría eu en 1986, en vez de comprándoo... ).
Característico da enciclopedia, que dá a medida da grande intelixencia e perspectiva crítica dende a que a obra está feita, é que cada artigo (referido xa a un grupo, xa a un autor, xa a un concerto, acontecemento especial, etc.) leva un título creativo, literario, metafórico…, unha sorte de expresión paradgimática do artista, grupo...: U2, el cántico espiritual; The Smiths, cegadoras luces del norte; King Crimson, las visiones del rey Fripp; Simple Minds, el gusto por las alturas; Motown, sublime cadena de montaje; Weather Report, música de la aldea global; Nacha Pop, fuertes sensaciones (tan fortes que así rematou o grandísimo Antonio Vega…).
A páxina referida a un dos meus grupos favoritos de toda a vida titúlase: Steely Dan, engimática brillantez. Asínaa David S, Mordoh e comeza co texto, ao impacto do cal me refería arriba: Se puede llegar a pensar que para escuchar a Steely Dan antes hace falta ponerse el esmoquin, tal es la elegancia de su música. Fascinante expresión do que exactamente penso. A afortunada combinación Donald Fagen, teclista e vocalista, e Walter Becker, baixista (que asinan todos os temas) está na base dunha produción coidada, urbana e de resabios neoiorquinos ata a médula, con potentes bases rítimicas, liñas melódicas de extraordinaria limpeza e orixinalidade e unha dosificación habilísima de recursos vocais, ventos... O concurso de músicos, como o guitarrista mercenario Dennis Dias poñen o resto. O solo de guitarra co que comeza "Don’t take me alive" (The Royal Scam, 1976) -déalle caña ao equipo e non o perda!!- segue emocionándome como o primeiro día que o escoitei.
Creo que outro dos meus grupos favoritos, Level 42 ―militantes igualmente da elegancia― débelle moito ao dúo Fagen-Becker, quen, polo demais, e como tantos, hoxe peinan canas.
Nota curiosa: Steely Dan (algo así como 'dani de aceiro') é o nome de certo instrumento erótico ―de uso doadamente intuíble― en Naked Lunch do irreverente e undergound W. Burroughs.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Estes son os fragmentos da galaxia que máis me gustan. Cantas lembranzas e que boa ocasión para volver escoitar Steely Dan. Gracias, Xoán, por este regalo nocturno (para min polo menos, que acudo sempre a este blog despois da cea)e noraboa por esta magnífica crítica musical (unha máis)

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado, coma decote, Manolo á túa xentileza e alento. Que mellor ponte entre os anos e aqueles wonderful years que a música da que ti e máis eu tanto temos disfrutado, falado, intercambiado...!
Ah! Como vexo que é as túas visitas son post prandium (mellor sería dicir post coenam intentarei ir sempre por veiros dixestivos.
Apertas e grazas a ti polo agasallo inesgotable da túa amizade.

Anónimo dijo...

Sei que non é o post máis axeitado para deixar este comentario, pero, por se non o viu, recoméndolle, Sr. Blanco Valdés, que clicke neste enlace http://es.youtube.com/watch?v=VGiBf-f-1jo
Penso que lle ha facer chiste.
Saúdos!

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado ao enlace. Creo que a capacidade que temos neste país de quitarlle punta a todo é inesgotable. Un saúdo.