24.2.08

Duelo

Creo lembrar un tema do cantautor, cantante, compositor ―e actor― alemán Herbert Grönemeyer que se chamaba algo así como “Eu non lavo o coche os domingos” e se refería, como o título deixa desprender, á xurdia e metafórica negativa a permitir que o rodillo social acabe converténdonos nunha sorte de autómatas, dotados dunha personalidade cada vez máis esvaída, gris e uniforme, que remata por fundirse, no seu esvaimento, grisura e uniformidade, coa do veciño e así sucesivamente, ata conformarmos unha masa indistinta e dócil, gobernada e dirixida dende os omnipotentes mass media. Exactamente igual que, tras complicadas operacións e cálculos de márquetin, se nos estimula a mercar un coche, que se ofrece dende o spot que o anuncia como unha especie de relixión capaz de mudarnos a vida, se nos estimula -ata o noxo- a deixar cada tanto unha papeleta nunha urna cunha riqueza de mensaxes explícitas e subliminais encamiñadas a crer que tan simple feito vai implicar a fin dos problemas do mundo e o noso automático traslado ao mundo de Jauja. Todo iso perpetúa un statu quo que chamamos democracia, que non é mal invento, fóra favorecer que moito inútil e moito jalopín vivan regaladamente traizoando a boa fe do contribuínte.
Mañá, 25 de febreiro de 2008, toca ver o derby ZP-Rajoy. Quen é capaz de resistir unha presión mediática de tal calibre? Só quería lembrar o dereito a non lavar o coche os domingos. Porque un é así. Inxenuo.

2 comentarios:

apicultor dijo...

Pois eu vin unha vez a alguén moi parecido a vostede lavando o coche cunha mangueira. Era domingo e era nun adosado.

Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Non, se reclamar o dereito -ou lembrar que tal dereito existe- a non aceptar este monstruoso rodillo social, non quere dicir que un non sexa unha pobre vítima máis del.
Ora, o exemplo non me vale, porque nunca lavo o coche na porta da casa e menos con mangueira. Para iso están os automáticos. Sería alguén parecido a min. É o malo dos físicos vulgares.
Apertas.