31.3.07

Telegaita

En enxendros políticos eu creo que a inventiva da vella pel de toro non ten parangón. Se aquilo da democracia orgánica de Franco era de nota, eu creo que este invento tan noso, tan de aquí chamado Estado de las Autonomías sitúase ―consonte o artigo constitucional que sexa de aplicación― nun lugar variable pero en calquera caso indefinido entre centralismo e federalismo. En canto a carimbo netamente hispánico, o Estado das Autonomías é algo tan inexportable como aquel parlamento fantasmal da ditadura onde se mesturaban un señor de bigote que representaba ao tercio familiar e un saharui con pinta de ter deixado o camelo atado a un dos leóns das Cortes.
É o caso que eu, ignorante das fonduras da ciencia política pero posuidor dun chisco de intuición, axudado pola perspectiva que dan os anos transcorridos e vendo o que se ve neste país, percibo que as Autonomías pásalles o que Perich dicía da Igrexa: as Autonomías serven para solucionar unha serie de problemas que non existirían se non existisen as Autonomías. Que máis me dá de onde parta a iniciativa dunha autovía mentres a fagan? Ou que o responsable do ramo viva en Santiago ou en Madrid, sexa de Pontedeume ou de Cogolludo? Ou é que os cartos teñen nacionalidade histórica? En fin. O tema é, certo, complexo e non quero anoxar ao benévolo lector cun post longo de máis (unha manía, por certo, da que non sei como ceibarme).
En realidade, eu o que quería era falar da Galega, a G, ex-TVG e sempre popular telegaita, paradigmática mamandurria da Comunidade Autónoma, órgano indiscutible do agit-prop do goberno do momento e os seus intereses e ente espallador non só de toda laia de enxebrismo e galeguidade senón tamén de famas e sólidas honras como as de Xosé Ramón Gayoso, sen dúbida o único galego en pé de igualdade con Fraga en punto a sona e popularidade.
Atopo no proceloso ciberocéano unha parodia de güiki no que se condensa en clave de esperpento ―unha das mellores claves para a observación intelixente do noso entorno nos tempos que andamos― a historia da nosa querida telegaita. Bo rato asegurado. Ou, como dirían os meus cativos, para partirse el culo. Que nunca botemos en falta a capacidade de rir de nós mesmos.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Tes toda a razón do mundo ao laiarte da mala calidade da TVG e en acusala de ser o voceiro do goberno de turno. É obvio que os que a xestionan hoxe teñen moito que aprender dos contidos e dos profesionais de empresas peninsulares tan independentes como Tele 5, Antena 3, La Primera, Telemadrí, Veo Tv... Eu, coma ti, sempre penso na mala sorte que temos na Galega e en Galicia cos Tonechos, Xabarín Club, Luar, En Xogo, Zapping Comando ou Pratos Combinados. En particular, cando vexo programas tan interesantes "y con ese castellano tan impecable y de Real Academia, (que xa nos gostaría atopar algo así na nosa lingua)" como o que falan en Tómbola, Dolce Vita, Cambio Radical, el Día del Señor, Tomate Tomate, A tu lado, Ana Rosa, el Diario de Patricia, los Morancos, Sorpresa Sorpresa, Estadio 2... E xa non te digo cando en vez de padecer e sofrir a Xosé Luis Barreiro, a Gaioso ou a Super Piñeiro, consigo disfrutar unha tarde ca familia e os amigos da calidade intelectual de profesionais tan reputados como Iker Jimenez, Jaime Peñafiel, Sanchez Drago, Isabel Gemio, Lidia Lozano, Matias Prats, Santi Acosta, Pipi Estrada... E neses momentos nos que, coma ti, maldigo a nosa sorte como televidentes da TVG e a manipulación á que nos someten en Galicia uns medios de comunicación ao servizo do goberno de turno. Pesebreiros, que son uns pesebreitos. Radical e absolutamene de acordo contigo. Só os que teñen MUROS nos miolos non o verán así. Unha aperta

juan l. blanco valdés dijo...

Estimado anónimo:
Ben certo é que non se consola o que non quere e que, por seguir tirando de paremioloxía, no país dos cegos o chosco é o rei, e, item máis, "cuentan de un sabio que un día..."
Atenuar as nosas miserias co volume -indiscutiblemente maior, certo é- das alleas é algo moi humano, pero que non serve a todo mundo. Alégrome de que a Vde. si.
Obrigado á visita e comentario.

Anónimo dijo...

Prezado blogueiro,
De verdade que non pretendo minimiza-los nosas eivas engrandecendo as dos outros. Máis coido que as críticas teñen que ser equilibradas, proporcionadas e relativas a algo. Cando ti dis que a telegaita é mala, ten que selo con respecto a algo, e ese algo supoño que serán as outras telepandeiretas peninsulares. En caso contrario, parece que é mala porque si, ou peor, porque a facemos nós, os de aquí, e iso si que é lamentablemente “galego”. Como o é a postura oposta, a desa cortedade de que o noso é único e estupendo. Un exemplo: a recente presión para querer facernos crer que F. Pillado ou V. Freixanes son “prohomes da cultura galega” só porque editan libros en galego, porque teñen unha nómina de autores os que publican nas súas editoriais, e xa que logo, que os celebran como tales, ou porque o di ese corifeo de plumíferos universitarios os que pagan para que lles promovan os libros que editan, só se entende nun país cuxa vida cultural non esta normalizada en tódolos ámbitos do cotián. Pola contra, en España a ninguén se lle pasa polos miolos pensar que J. L. Lara, o promotor do Premio Planeta é un “prohome da cultura española”, nin sequera porque o digan os tipos aos que lle compra cada ano a súa obra outorgándolles o antedito Premio, e entre os que, recoñezámolo, hai máis dun bo escritor. E xa non te digo nada de considerar “prohome” de nada a Jacobo Stuart Fitzgerald, antigo dono de Edicións Siruela... Pois ca TVG é igual. Non é mellor nin peor cas outras, aínda que se faga en galego, teña enfoques axeitados o noso contexto sociolóxico ou os seus profesionais se trabuquen e inventen verbas (como recolle esa xentiña do wiki, que curiosamente nada di do que pasa nas telepandeiretas, polo que entendo que Cambio Radical o la Pantoja les parecen lo más normal del mundo). Pola mesma, os editores de libros non son prohomes de nada en lugares con culturas normalizadas, non presionadas lingüisticamente por idiomas dominantes e onde os editores invisten moitos cartos no negocio de vender libros, promove-los ou comprar os clásicos corifeos e plumíferos para que lle fagan a publicidade do seu no PAIS ou no ABC (e aos que ninguén toma tan en serio como nós tomamos aos nosos culturetas, e só porque son poucos, sempre os mesmos e porque copan os poucos postos que o pobre “sistema literario galego” deixa libre). Un saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Estimado anónimo:
"Touché". O seu comentario é tan ponderado, ecuánime e ben construído que me invade unha inmensa preguiza perante a idea de ter que argumentar a un discurso tan sólido. Deixando de lado que ten Vde. moita razón. En realidade, ás veces teño o corpo máis para a frivolidade superficial ca para a teorización profunda. Co meu post sobre a entrañable telegaita só pretendía rirmos un pouco. Supoño que na mesma clave (e aínda bastante máis vitriólica) podería someterse calquera das cadeas e a maioría dos programas de telelixo dos que Vde. fala. Sobre os "vultos" da cultureta local e o discurso hexemónico -tal vez en ás da mesma astenia primavero-vacacional- prefiro non opinar hoxe, pero, en efecto, aquí hai tomate.
Dá xenio polemizar con Vde.

Anónimo dijo...

Aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid (e nunca mellor dito), é dicir, aproveitando a crítica á TVG, establece unha comparación moi pouco afortunada entre a democracia orgánica e as autonomías. Xa se ve que ten nostalxia do vello centralismo, ignorando que descentralización e democracia (a de verdade) foron, en España, historicamente sempre asociadas, e non por mero capricho. En fin, cada día que pasa vostede cae máis nunha deriva dereitista, que non sería nada grave, pero tamén rancia, o que é moito máis preocupante. E lamento ter que dicírllelo.

juan l. blanco valdés dijo...

Prezado Indostán:

Ofende Vde. a miña intelixencia se me cre capaz de establecer un parangón tan disparatado se non é en clave de ironía (un recurso retórico moi antigp), o que me leva a constatar que non foi Vde. quen de percibir tal ton no meu "post", acaso porque as miñas calidades literarias están moi limitadas ou acaso porque non practica Vde. con frecuencia o san exercicio de rirnos un pouco de nós mesmos, e non interpretalo todo na aburridísima clave da política de café e xornal. Pero, en fin, quen se pica allos mastica.
Se, polo demais, o actual espectáculo do(s) goberno(s) galego(s) responde ás pulsións do progresismo e a esquerda, eu, en efecto, son de dereitas.
Conténtame que lamente ter que criticarme, pois interpreto o xesto como de aprezo.
Obrigado á súa visita e comentario.