Nun artigo que algúns lectores benevolentes festexaron especialmente, referíame hai uns días á procacidade sexual como resposta á represión que impón a sociedade baixo certas circunstancias. Porque, como non é un segredo para ninguén, un determinado estado de cousas, máxime cando imposto pola forza e neutralizada toda posibilidade de oposición a el, xera o seu contrario e, aínda, o enfatiza e esaxera. Foi a opulencia hortera e cruel do imperio Romano a que creou a Espartaco, do mesmo xeito que, séculos despois, foron os propios aristos franceses os que a base de luxo desmedido e ostentación ilimitada ían afiando o gume da guillotina que empezou a traballar nos seus pescozo —a pleno rendemento— en 1789.
No artigo devandito, establecía eu, en concreto, unha relación —non discutirei que máis emotiva ca racional— entre aqueles lusitanos e festivos Santo Antónios de verga erecta e irreverente e o aburrimento social gravado a lume no Portugal do Novo Estado salazarista. Como continuación e complemento a esa inesgotable e característica vea de chispeante escatoloxía dos nosos veciños, saco hoxe o po a unha fotocopia atopada entre vellos cartapacios tan facticios coma heteroxéneos, documento que, creo, sublima un certo machismo de base cun enxeño digno de nota. A cousa chámase
História sexual do homem
Dos 10 aos 15 é macaco: vive descascando banana.
Dos 16 aos 20 é girafa: só come florzinhas.
Dos 21 aos 30 é abutre: come tudo o que aparece.
Dos 31 aos 40 é águia: escolhe o que vai comer.
Dos 41 aos 50 é papagaio: fala mais do que come.
Dos 51 aos 60 é lobo: persegue a Capuchinha Vermelha mas só come a avozinha.
Dos 61 aos 70 é cigarra: canta, canta e não come.
Dos 71 aos 80 é cóndor: com dor aquí, com dar alí...
Dos 81 em diante é pombo: so faz merda!
Caso de ser Vde. varón, en que categoría anda?
2 comentarios:
Pola idade son papagaio,inda que gustar, gustar, gustaba ser abutre, by the glory of my mother!
Xa terás feito das túas, xa...
No que min toca, tamén ando no clube do papagaio, pero ata nin falo moito.
Publicar un comentario