22.3.07

Blogomillo: a catacumba?


É manter un blog unha perigosa e inútil obsesión? Unha vaidade superflua? Un desinterese absurdo? Un diálogo co silencio? Un proído irresistible? Unha sorte de adicción? Que se obtén de falar na catacumba, cando na superficie a sobresaturación de información está poñendo a civilización ao borde do colapso?
As preguntas do millón de dólares.
Falo por min. Creo que todo blogger chega a enamorarse da súa bitácora, personalizándoa, acariñándoa, converténdoa na súa confidente, fiel e permanente, facendo do bastidor dixital onde diariamente escribe unha terra de ninguén onde é libre de ser quen é de amosar as arestas, complexas, afiadas, da vida e os seus innúmeros elementos. A ausencia de compromiso contraído-non sendo cun mesmo: o máis comprometedor dos compromisos-, a lonxanía e probabilidade dun público hipotético, o abismo sen luz nin fondo do ciberocéano ao que, con cada post botamos, a mensaxe nunha botella converten cada blog nun paradoxo: cansancio e satisfacción, relax e tensión, noxo e ledicia, extenuación e enerxía, aburrimento e estímulo...
Para min xa é demasiado tarde. Too late. Estas páxinas levan demasiado de min. Algún día lles direi, como aos fillos: que será de vós cando vos falte?

3 comentarios:

torredebabel dijo...

pois se falo por min, a páxina é un cordon umbilical coa terra para os transplantados coma nós. Apertas ao lonxe!

Anónimo dijo...

Tampouco hai que darlle tantas voltas. As cousas fanse e xa está. Por gusto, por placer, por necesidade, por obriga... Todo vale.
O mellor: tratar coa xente.
O peor: que se me vai o día lendo e escribindo.

juan l. blanco valdés dijo...

Querida Torre: obrigado pola fidelidade e o alento. Que siga pasando moito alimento por ese cordón! Apertas e saudades.

Querido Highway: non lle daba voltas. Reflexionaba simplemente, dun xeito (si) bastante lírico, como é un. Saúdos.