9.3.07

Para la nueva mamá: unos patucos, un biberón y un idioma

La Xunta regalará a las embarazadas

Conste que coincido coa apreciación de que este país noso está cheo de opinadores e de que, en ningún outro, os titulares dos xornais se nutren de entrecomiñados como en España. Aquí todo se opina, todo se debate, todo o mundo sabe de todo. Se os medios de comunicación e os propios cidadáns falaramos menos e fixeramos máis, mellor nos iría. No que a este blog fai, teño feito o propósito de non me adicar no futuro a emendarlle a plana arreo aos políticos e, na medida do posible, deixalos facer en paz o seu traballo, e alá veremos. Pero hai veces, amigas e amigos, nas que unna nova fai que un se remexa na silla. Vexamos.
Eu teño dous nenos —12 e 8— castelánfalantes. É así de simple: só ven Shinchán, o popular Sinosuke, se o dan en galego. Non lles fai ningún chiste velo en castelán. Por suposto, o seu programa infantil e de debuxos de cabeceira é, e foi sempre, Xabarín Clube.
Sirvan os gustos lingüístico-televisivos dos nenes de adro a unha reflexión.
Porque se hai un elección persoal e intransferible que contribúe a nos definir como os seres humanos que somos —en realidade son dous, lembrémolo: bipedestación e linguaxe articulada—é a lingua. A lingua e a outredade do mundo que nos arrodea: coa lingua chamámoslle arbore ao que é unha árbore e cabalo ao que é un cabalo, obxectos —árbore e cabalo— de existencia anterior e independente á da súa denominación idiomática. Por iso dicimos que a relación que une o significante e o significado é convencional. Así é que os obxectos 'árbore' e 'cabalo' son tree e horse, puu e hevonen, Baum e Pferd, segundo a latitude e nación do falante. Non hai nada, polo tanto, máis móbil colectivamente nin máis estable individualmente ca a lingua. Non son os pobos os que teñen lingua, senón as persoas. Coa lingua enamorámonos, insultamos, convencemos, dicimos as cousas máis fermosas e podemos dicir as máis malvadas.
Por iso, que as institucións públicas pretendan inducir, ou sequera aconsellar, a unha elección tan fonda, tan persoal, tan íntima, tan intransferible, tan inxustificable —por non existir razón algunha que nos leve a xustificala— como a lingua na que se van desenvolver os nosos descendentes antes mesmo de naceren é, do meu punto de vista, o que antes se chamaba un disparate, unha idea, ademais de desprovista de toda intelixencia, tan agresiva coa nosa indivualidade como suxerirnos qué cor de roupa é a que nos convén, a cidade na que debemos fixar a nosa residencia ou o prototipo de home ou muller que máis nos acae. A min, iso de política lingüística sempre me soou un pouco heavy, a algo así como política sentimental ou política indumentaria. E que agasallen ás señoras en estado interesante cun kit lingüístico —CD con nanas e guía onomástica, abonado, por suposto, con cartos públicos— francamente, dá arrepíos.
En fin. Importante é, de certo, o tema da lingua. Pero é magoa que tan excelsas cabezas pensantes non estean mellor aproveitadas nos centros neurálxicos de decisión que hoxe moven o mundo: a ONU, a UNESCO, o Pentágono, a NASA... Saiba deus o que se lles ocorría.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Está facendo demagoxia, e sábeo.

juan l. blanco valdés dijo...

Estimado amigo anónimo:

Descúlpeme se lle soa inmodesto, pero sería incapaz de facer demagoxia sabéndoo. Outra cousa é que Vde. e máis eu atribuamos acepcións diferentes ao termo. Non creo ter feito manipulación consciente dunha información nin modificar o senso desta para conveniencia do meu argumento. Proporciono unha información (coa súa fonte orixinal), que me conduce a unha reflexión, pode, claro está, que subxectiva e, como se ve, discutible, pero ¿demagóxica?
A súa crítica, que acepto de grao, creo se inclina -e corríxame se erro- do lado de quen consideran feitos como o referenciado meras anécdotas ou cuestións, en todo caso, merecentes dunha gravidade moito menor da que lle atribúe a reflexión subseguinte. Coñezo o argumento e creo que neste país calamos demasiado sistematicamente diante das meras anécdotas, que, como no caso que nos ocupa, son apenas a punta do iceberg. E o iceberg é un sistema de xenreiras e paranoias sociolingüísticas que alcanzan ocasionalmente o nivel do absurdo. Porque este último é o adxectivo que apoño ao regaliño, ollo, non de Nenuco nin de Chicco, senón da Xunta de Galicia.
Obrigado á súa visita e ao seu punto de vista.

Anónimo dijo...

Non fai falta sei moi culto para entender o que pode ser demagoxia. Véxase, se non, a Wikipedia:

También puede considerarse la demagogia como un tipo perverso de oratoria, que permite atraer hacia los intereses propios las opiniones de los demás utilizando falacias o argumentos aparentemente válidos que, sin embargo, tras un análisis de las circunstancias, pueden resultar inválidos o simplistas.

juan l. blanco valdés dijo...

Deixando de lado que "aparentemente válidos", "análisis de las circunstancias", "inválidos o simplistas" son de seu expresións que remiten a xuízos de valor, radicalmente subxectivos e suxeitos a estimacións persoais. eu non xulgo nin valoro opinións, senón feitos (a referencia completa dos cales indico). Quen opina son eu. Finalmente, eu non fago oratoria, nin por suposto teño designio algún de atraer a ninguén a ningures. OPINO.
Obrigado á visita e comentario.