27.3.07

Máis sobre manías de lector ou un pouco de crítica casual

É certo que a intelixencia é selectiva. Yo aún diría más (emulando a Hernández ou a Fernández), é moi selectiva, por non dicir que é a cousa máis selectiva que existe. A distribución das nosas capacidades e habelencias que a neuroloxía establece nos dous hemisferios cerebrais ten o seu correlato na frase dun meu coñecido, que resume á perfección as manifestacións dese reparto: hai xente moi lista para os polinomios e moi tonta para os recados (e viceversa, claro). Entenda cada quen polinomios e recados á súa maneira. Se lle gusta a frase, querida lectora, querido lector, e co permiso do meu amigo, regálolla.
E así, como os piares do noso funcionamento cognoscitivo teñen alicerzes máis fondos e sólidos nunhas partes ca noutras, tamén o noso comportamento adoece de fortes desigualdades e, mesmo, desequilibrios. Quen non é moi ordeado para algunhas cousas e absolutamente caótico para outras? Coñezo especimes, a min próximos, capaces de asumir, e conducir a éxito, a complicada loxística dun encontro internacional de persoeiros e imposibilitadas para lembrar adquirir, á volta do traballo, unhas peitugas de polo para empanar.
En punto a lecturas, eu, que tendo ao rigor, a orde e o equilibrio en case todo o que fago ―cando menos, inténtase― debo recoñecerme como persoa antimetódica, inconstante e irregular. Relacionarase tal desleixo lector cunha sorte de reacción ao método obrigado que impón o traballo editorial? (Agradecería, a este respecto, o punto de vista dalgún colega) Tal vez co difícil que resulta atopar unha lectura tan satisfactoria que deveña máis ou menos permanente? Acaso coa condición de lector empedernido a quen todo lle vale? Ou, máis ben, será cousa do selectivas que son as nosas capacidades? Pode que a un conxunto de todos estes factores. Sería cousa de analizar, conforme fan, non sei, os calígrafos a partir da letra, a nosa personalidade tomando como base os libros que residen por un tempo na mesiña de noite ―fieis compañeiros dese máxico momento na extremaunción do día que sinala a chegada de Morfeo (ou Pedro Chosco, malia irmos xa talluditos, cando non valetudinarios). E non só dos libros en si, senón, tal vez máis importante, da súa combinatoria. Para mostra un botón.
Na tarde do 27 de marzo de 2007, e no exiguo espazo que delimitan sobre a mesiña de noite a lampariña, unha foto enmarcada e un pequeno e decorativo candelabro, amoréanse como poden varios volumes. Eis o seu inventario:

-tapa dura, 17 x 25, Barcelona: Círculo de lectores, 1991, volume II da opera magna do enorme antropólogo que foi Julio Caro Baroja Vidas mágicas e Inquisición, nunha das partes para o meu gusto máis atractivas de toda a obra, a titulada Vidas a contrapelo, e en concreto os capítulos XII a XVI, biográficos de peripecias bruxerís, de hechiceras, falsas beatas, loberas licántropas e licantrófilas. Magnífica prosa a de don Julio: Ou na cabeza ou nos pés, has saír a quen es. Brillante a exposición, profunda e erudita a documentación. Inmenso o coñecemento da derme profunda do país. Libro que non obriga a unha lectura continuada, libro intelixente que, como todos os libros intelixentes (ai, que poucos!) permite un saborear secuenciado e intermitente, libro de lectura modulada polo lector (e non polo escritor).
-rústica, plastificación brillo, con lapelas, 25 x 30, a catro tintas. Film Posters. Science Fiction, Edited by Tony Nourmand and Graham Marsh, Köln: Taschen, 2006. Un delicioso percorrido polos posters, carteis ou afiches, como se lles chamaba hai anos en román paladino, polas películas do xénero ―sen dúbida un dos meus favoritos― dende os anos vinte aos remates do século pasado. Lembran ao robot Robby de Forbidden Planet, unha serie B marabillosa con Leslie Nielsen e Walter Pidgeon? The Planet of the Apes? Barbarella cunha Jane Fonda que quitaba o hipo? Ou os marcianos aqueles de gardarropía que cantaban "a tipo dentro" a unha milla de distancia ―This Island Earth, 1955, ou Invasion of the Saucer Men, 1957― logo quintaesenciados por ese xenio chamado Tim Burton en Mars Attacks!? Merquei o libro en Komic, rúa San Pedro de Mezonzo, Compostela, un lugar (aínda) para soñar e non soamente para gastar diñeiro en libros. Ou para charlar co seu propietario, especialista no terreo, locuaz e amable.
-rústica, 14 x 20, cartolina verxurada con lapelas, Cuentos de Invierno. Certamen literario, Ponferrada: Ayuntamiento de Ponferrada, 1998. O título dío todo. Hai un conto, "San Silvestre del año 59", o seu autor Joaquín Serrano Serrano, que é resumo para min de moitas das sensacións máis sedutoras e características do inverno, a neve, a noite e a montaña. Un relato sensacionalmente escrito, que releo con frecuencia. Faría carreira o escritor?

Cabe en tan pouco espazo un inventario de intereses, estilos e expectativas máis heteroxéneo?
Ignoro se algún psiquiatra, psicólogo, sociólogo (ou mesmo criminólogo) tiraría algunha conclusión de tal remexido. Coas técnicas de hoxe, cando a partir do anaco dun pelo determinan que a un tipo lle gusta a lasaña vexetal, chámase Florentino e naceu en Baños de Molgas, por se acaso, prefiro non sabelo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois vale. Collo para mín, unha vez máis (é vostede un saco sen fondo) o dos polinomios e o dos recados, inda que xusto xusto eu, particularmente, non lle dou nin a os uns nin aos outros. Os números son para mín ciencia máis oculta que exacta e, en canto aos recados, ¿non se viu vostede nunca no medio da rúa, parado, pensando qué carallo fago eu aquí, onde ía? Ese son eu. Coñece a especie esa de que os homes non podemos facer dúas cousas á vez? Qué máis quixera eu que ser capaz de facer unha cousa de cada vez

juan l. blanco valdés dijo...

Dear Highway,
Iso que di de verse de súpeto parado na rúa pensando "que fago eu aquí"? -o que me ocorre con máis frecuencia da que sería mester- creo ten que ver coa pila... (coa pila de anos que imos tendo).
Por outra banda, o que se afirma dos homes sobre non poderen facer dúas cousas a un tempo, refírese aos homes en canto varóns ou á humanidade en xeral? Porque, sendo o caso o primeiro, vénme á cabeza o chiste feminista:
-En que se parecen os homes (i.e. os varóns) aos cans?
-En que cando lles falas parece que che entenden.
Greetings from Wuthering Heights.