5.3.13

As laranxas de Arnolfini



No arquifamoso retrato dos esposos Arnolfini, cheo de significados simbólicos, Van Eyck pintou unhas laranxas. Visibles en segundo plano no alféizar da fiestra e sobre un arcón, iluminadas pola incerta luz do norte, o exotismo das froitas testemuña o poder financeiro do italiano, quen hoxe entraría na categoría aínda máis incerta ca a luz de Flandres de xove emprendedor. O pobre Van Eyck, íncola dun mundo piramidal, onde cada home e cada guerra, cada vida e cada morte tiñan un sentido e un lugar inamovibles, voltaríase hoxe tolo para simbolizar no lenzo a riqueza do seu cliente: que lle poño?:  un Bugatti Veyron? Un Audemars Piguet? Un sobre marrón? De certo que non sería unha laranxa, pois o que era ata hai non moito un artigo de luxo, resulta na actualidade dunha vulgaridade aplastante por obra e graza da sociedade de consumo, un grande invento que, como a fregona, o inodoro e a manta eléctrica, ten contribuído de xeito definitivo a facer da existencia humana un sitio ben agradable. A sociedade de consumo fixo máis pola igualdade das clases sociais ca toda a doutrina sociopolítica decimonónica, e a realidade, que é máis túzara ca o meu can, demostrou  que todos os reximes que se pretenderon igualitarios escacharon polo mesmo punto, unha vez os seus súbditos descubriron o inefable, o incomparable, o exquisito pracer de gastar os cartos en chorradas e abalanzarse como harpías esfameadas sobre os concesionarios de Audi fartos de guiar un Trabant, alias Trabi, que era como un coche escapado dun tiovivo de feira. Pero, ai, non hai cousa que non remate, e tamén a sociedade de consumo semella periclitar. Falan xa os entendidos de mudanza de paradigma. A fin de contas, entre tapires, cerbatanas e taparrabos, os maias non andaban tan descamiñados. Non será a fin do mundo pero é a fin de algo, iso seguro. Toca vivir peor. Así de claro. Toca vivir peor, e ata os funcionarios, esa caste de carotas e nugalláns que, amén de non daren un pau ao auga en todo o día, non fan outra cousa ca laiarse, deben someterse á delicada operación de meter bandullo, apertar o cinto e comprobar por vez primeira en moitos anos o que é non chegar a fin de mes e comezar a preocuparse xa non do futuro dos seus fillos senón do seu propio. No entanto, en Forbes Ortega comparte podio con Slim e Gates (quen pode prescindir de roupa de moda, móbiles ou ordenador?),  Grillo pasea polas tvs de medio mundo as súas 5 Stelle e en Porto o povo é quem mas ordena. El haberá, despois de todo, outra revolución que facer? Quen pillara as laranxas de Arnolfini!

No hay comentarios: