19.3.13

Ir á capital



Que eu pertenza á directiva de certa asociación profesional sen ánimo de lucro,  pensada para cooperar á mellora dos seus asociados, non ten mérito ningún. Que eu, por tal pertenza, non  obteña nada a cambio, nada material quero dicir, agás viaxes ás présas, dores de cabeza, abafos e traballo extra, tampouco. Son cousas que, por fortuna, entran dentro do conxunto da actividade socioeconómica de calquera país civilizado. Sempre fun da idea, e remítome ás abundantísimas probas que obran no mundo contemporáneo, de que resultan en toda circunstancia infinitamente máis rendibles e produtivas as ideas, o entusiasmo e a crenza no que se fai ca a impúdica dilapidación de diñeiro en proxectos disparatados e claramente espurios, que as cabezas sensatas non ousan criticar por non molestar a quen, nesa altura, ostenta a patente de repartir sinecuras e mamandurrias. Por idade, formo nas filas dunha xeración á quen ninguén regalou nada, unha xeración que, sobre as borrallas dunha ditadura decimonónica, construíu un país na medida das súas ilusións e feituras: moderno, dinámico, aberto, eficiente. Non son especialmente pesimista, pero hoxe sinto que todo o que crin e din por bo durante moitos anos se esnaquiza ao meu redor. Semellará unha tontería pero, xa home maduro, canso de bregar e intentar ata a extenuación facer do sitio onde nacín e onde vivo algo do que sentir orgullo, cólleme de súpeto a certificación de que este país é unha merda. Organizo unha viaxe á capital. Acudo á Internet a reservar os billetes. O voo das 6:55 h foi suprimido. O das 7:55 tamén. O primeiro voo entre Santiago e a capital do país é ás 9:15, co cal a consecuencia é obvia se un ten que estar a primeira hora en Madrid: viaxar o véspera  e facer noite de hotel, o tipo de gastos para os que, precisamente, anda a empresa, tanto pública como privada, deste país. Un conxunto de ideas e imaxes acoden a alimentar unha indignación incipiente: ministro, alcalde e demais corte dos milagros inaugurando unha terminal megalómana e absolutamente innecesaria;  49 aeroportos en España fronte a 24 de Alemaña… Hai días en que, inevitablemente, vivimos intensos estados emocionais. Días en que unha parvada afecta máis ca as maiores traxedias. Xa non me afectan a corrupción campante nin a ousadía do ignorante elevada a norma de comportamento político. Sinto, apenas, a imperiosa necesidade de aconsellar seriamente aos meus fillos que decidan o que hai cen anos decidiron os seus devanceiros: emigrar en busca de algo mellor.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

CADA VEZ,TE SUPERAS.ADORO ESTE BLOG Y ME SIENTO MUY IDENTIFICADO EN TU EXPOSICIÓN. J.S.

juan l. blanco valdés dijo...

Pues nada, D/Dª J.S. que muchas gracias. Y un cordial saludo.