Hai un tipo de humanista que nunca
perece. Acó e aló, no revirado devir da historia, o humanista fai renacer as
letras, as artes e as ciencias, compoñendo, moitas veces, os anacos dun todo
esnaquizado pola violencia ou insuflando nova vida nas cinzas dun fénix
exhausto. O humanista ten unha dimensión especialmente sublime porque de
costume nada contra corrente, defende o indefendible, deplora o que todos
semellan adorar e descobre o bronce onde os máis só ven ferruxe. Coa teimosía
característica de quen dispón dun sistema moral coherente, o humanista volve
unha e outra vez, inasequible ao desalento, ao fulcro máis nobre da condición
humana: o valor da palabra e o maxisterio da razón. O humanista non agarda
nada, sente a cotío a trabada feroz da soidade, o ferir agudo da incomprensión,
mesmo as palpitacións do medo, a tebra mesta da privación, pero, na fin de
todos os camiños, enxerga sempre a luz. O humanista ten o poder da elocuencia
porque posúe, ao tempo, a fortaleza do pensamento: verba e idea non son
senón caras da mesma moeda. Que Xesús Alonso Montero sexa o próximo presidente da Real Academia Galega será, ademais dun acto de elemental xustiza,
algo natural, como que o día suceda á noite, pois non hai nova dun humanista
comparable nin coñecemento dunha entrega semellante a un ideal tan xurdiamente defendido,
tan apaixonadamente amado: Galicia. Fala moito da madurez e siso dunha
sociedade civil que, por riba de consideracións persoais e ideolóxicas e alén
de liortas intestinas, prosaicas e que a ninguén interesan, se recoñeza
colectivamente á fronte da súa máis nobre corporación a figura dun senior, que, coas canas dos seus 84
anos, peitea as lembranzas dunha singradura vital que constitúe, no seu amplo
conxunto, parte esencial da nosa historia intelectual contemporánea. Cando, nos
primeiros días do verán de 1998, Xesús telefonoume para me participar que o
cidadán, poeta e xornalista Roberto Blanco Torres ía ser homenaxeado co Día das
Letras Galegas do penúltimo ano do século XX, percibin na súa ledicia a íntima interconexión
dos humanistas que nunca perecen: Susiño de Ventosela tiña apenas oito anos
cando un fogonazo, infame e furtivo, matou a luz de Roberto en 1936. Non é
doado restituir a dignidade allea, que a folgazanería sepultou no esquecemento.
Tal vez esta capacidade de tender pontes no tempo sexa tamén patrimonio do
humanista inmorrente. Como cidadán, eu elixirei testemuñalmente a Xesús Alonso
Montero presidente da Real Academia Galega. Sen dúbida, o merece. E Galicia
tamén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario