Un ten un fillo que vén de estrear a
súa maior idade sacando o carné de conducir. O luns, na deglución matutina do
café cunha pulguiña de xamón, un le, como quen non quere a cousa, que unha moza
de 22 anos faleceu a madrugada do sábado anterior no accidente provocado polo
exceso de velocidade dun Audi A3 vermello, pilotado por un mozo de 26
primaveras, que deu positivo en drogas e alcol. Entón, a un, que non naceu onte
e antes de frade foi diaño, se lle atraganta a pulga de xamón e máis o café e
sente nacer un proído que, pouco e pouco, vai disfrazándose de pregunta: e se
fora o meu fillo o condutor? Ou a vítima? Nun mundo uniformado onde todos
facemos o mesmo, nos mesmos sitios e ás mesmas horas, a desgraza allea (joder, como estará esa familia) leva
sempre implícita a semente dun consolo acedo (púidolle pasar ao meu fillo, menos mal que non). E un lembra tamén
amenceres de viño e rosas nos que a pálida luz da mañán era unha escrava aos
nosos pés e os excesos, fillos dos paraísos artificiais, a patente de corso
dunha mocidade eterna, onde a posibilidade dun accidente e o abismo negrísimo
da dor insoportable apenas representaban un segundo de escrúpulo punzante. Iso
que chaman sentar a cabeza é un
proceso complexo, resultado dunha connivencia de factores en permanente desequilibrio,
que se substancian en boa medida na domesticación da saudade por unha xuventude
que, ai, non ha volver. En ocasións innúmeras e baixo os estímulos máis
diversos, teño reflexionado no comprometido que resulta para un pai transmitir certos
valores e ponderar riscos vitais perante o seu fillo, eludindo recoñecer que el
mesmo os correu e cunha intensidade mesmo maior. Penso agora que tal vez foron
mala escola para un futuro pai aqueles marabillosos anos da Transición, nos que
toda unha xeración de rapaces descubrimos de súpeto que o mundo era unha luz
cegadora e un disparo de neve, que unha miserable ditadura nos furtara: vive ás
présas, morre axiña e que lle dean bertorella a todo, foi a consigna de moitos
no entanto chegaba aquilo que os Panero chamaron o desencanto. E co desencanto veu
a supervivencia, viñeron as angueiras e responsabilidades derivadas do de
sempre: xa saben, fundar unha familia e debuxar un mapa no mundo. Hoxe, cuando me paro a contemplar mi estado, e
miro os ollos verdes de Rober, que vén de estrear a súa maior idade sacando o
carné de conducir, só se me ocorre unha lección que transmitirlle: aprende de
teu pai, porque teu pai é un supervivente. E non é pouco.
3 comentarios:
Ser pai é duro.
Moi duro, amigo, moi duro.
Bos días:
Chámome Giada Maria Barcellona, son profesora e estou elaborando cunha compañeira materiais didácticos multimedia de lingua galega nun proxecto sen ánimo de lucro para a Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Para un exercicio de comprensión de lectura, querería empregar un texto do seu blog. Faría parte dunha das unidades que estou elaborando sobre sentimentos/paso do tempo/descripción persoal.
O testo sería: “Vivir. Sobrevivir”
(“http://fragmentosgutenberg.blogspot.com.es/2012/12/vivir-sobrevivir.html)
Póñome en contacto para pedir a súa autorización e ademais por si necesitaría modificar lixeiramente o texto pero sen traizoar o seu espírito.
As modificacións consistirían só en cuestións menores de normativa para que todos os textos que aparecen no noso proxecto sigan os mesmos criterios normativos e lingüísticos. Por exemplo: adopción de termos acordes ao actual Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, ou o uso dunha linguaxe no sexista, é dicir o emprego dos xéneros feminino e masculino ou de nomes colectivos en vez de só o masculino. Como pode ver, serían alteracións formais mínimas. Ademais, para que o número de palabras empregado en cada exercicio do proxecto sexa similar, empregaríase só unha parte da recensión ou recortaríase unha ou dúas frases, sen trastocar o sentido ou a información do texto.
Dado que se trata dun proxecto sen ánimo de lucro e con finalidades educativas, agradeceríalle moito poder empregar o texto antes citado. Sinalaría a autoría e a procedencia, neste caso Juan L.Blanco Valdés e o nome do blogue “Fragmentos da galaxia”.
Moitas grazas.
Un cordial saúdo.
Giada Maria Barcellona
659 19 57 33
giadamaria@gmail.com
Publicar un comentario