14.12.12

Dª Efervescencia Vital

Prender nunha silva e non saber dicir que non son actitudes que entranan riscos, dificultan a vida, estresan, multiplican os labores, deixan pouco tempo para as cousas esenciais en beneficio das urxentes. Vale, non digo que non. Pero, así como hai xente que é máis pousona, anda menos, fala menos e gusta máis da tele e o sofá, hai outras persoas, coma quen subscribe, que a onde non chegan mandan recado e son cus de mal asento.  Agardo algo de meterme en tanto fregao? É tal vez produto da ambición? Sinceramente, creo que non. Tras o cinco e mais o cero seguidiños (que fan un guarismo ben bonitiño: 50) convertidos en idade, pouco se pode esperar se non se fixo xa. Non. A miña hiperactividade e a tendencia conxénita a meterme en mil batalls son apenas o resultado dunha actitude fronte á vida: experimentar, innovar, arriscar, apostar, probar, consciente de que traballo chama a traballo (pero procurando conciliar en todo momento as urxencias coas esencias). Cando o meu colega e amigo Paco Beltrán me fixo unha proposta primaveral para participar nun proxecto hoxe convertido en libro, ben puiden dicir que non. Pero, afeito xa á miña compañeira Dª. Efervescencia Vital, díxenlle que si. Despois do arduo labor (imaxinar, esborranchar, escribir, reescribir, rerreescibir, corrixir, recorrixir, rerrecorrixir, dubidar, desesperar...), vén o mel: presentar o libro, coñecer á xente maravillosa que participa nel, cear vaca arxentina e charlar do divino e humano con persoas abertas, cosmpolitas, cultas. Ben certo que o máis fermoso (e tal vez o máis difícil) da vida é vivir. 
Desde a esquerda: este menda, Javier Ruiz Taboada; Predicador Pale Rider (a. Pablo Sebastiá), Ana R. Sanfeliu, Pedro Pablo G. May y Suso Postigo
Librería Rafael Alberti, en Argüelles (Madrid), 11.12.12.

No hay comentarios: