Que as editoriais universitarias non perseguen ánimo de lucro é un tópico todoterreo cuxo xermolo de perversidade entenderon moi ben os editores universitarios nos últimos tempos, porque, en efecto, non perseguir ánimo de lucro non concede unha patente en corso para dispendiar alegremente diñeiros públicos en produtos feos e carentes de todo interese. Así é que todo editor universitario de hoxe, como calquera editor, é o home ou muller máis feliz do mundo cando esgota unha tirada, pois iso significa que o libro funcionou e, ademais, que os diñeiros que investiu na súa produción retornaron multiplicados á artesa dos cartos da súa universidade. Combinando un factor tan incontestable cos últimos desenvolvementos tecnolóxicos da edición e avaliando os camiños por onde, en concreto, transita actualmente boa parte da produción científica escrita das universidades, na de Santiago vimos claro que o noso proxecto dixital podía -debía- executarse harmonicamente en dúas direccións: unha institucional, orientada a dar resposta ás esixencias do acceso aberto ao coñecemento, e outra comercial, tendente a poñer en valor os soportes dixitais dos nosos libros, buscando rendibilizar o traballo que custa facelos e compensando esa tendencia tan perigosa á gratuidade derivada de que o produto dixital é unha especie de irmán parvo do produto impreso. Desa formulación aprendemos dúas cousas importantes: a) hai que dedicar aos libros dixitais o mesmo mimo, esmero e paciencia que aos impresos, porque a misión dun editor de raza é editar ben, sexa no soporte que for; b) o autor é soberano para decidir baixo qué forma dixital (institucional ou comercial) desexa difundir as súas obras, coñecendo, porque o editor debe facerllos coñecer, as luces e as sombras de cada unha delas. Sobre estes supostos e conclusións provisionais, puxémonos ao choio. O repositorio institucional da Universidade de Santiago comezou a acoller en 2008 a versión dixital de teses doutorais e materiais libres de dereitos editados orixinalmente polo Servizo de Publicacións, pero pronto intuímos a potencialidade que o noso repositorio ofrecía para incorporar materiais dixitais nativos: aforro en custos e loxística, rapidez e universalidade inmediata convencen a calquera. Tendo isto claro, o demais era «cociña». A certa profesora, angustiada pola inminencia do comezo de curso e a imposibilidade de financiar a impresión duns magníficos materiais didácticos, solucionámoslle en horas a papeleta subindo os pedeefes ao repositorio. Para citar o libro na bibliografía, dixémoslle, sobraba con que indicase a súa identificador handle. Non o podía crer. Esta profesora quedou tan encantada que aos poucos días obsequioume unha botella de rioja (que non fun capaz de rexeitar para lle non afear a xentileza). Hoxe, o noso repositoiro aloxa preto de 3000 arquivos correspondentes a edicións nosas, teses doutorais e case unha vintena de libros dixitais nativos, cunha ilimitada perspectiva de crecemento. O proxecto dixital comercial se ha ir fraguando aos poucos, pero igualmente sen medos nin superfluos escrúpulos: na primavera de 2010 quen subscribe e o seu reitor inauguraron a libraría dixital da Universidade de Santiago. Foi unha tarefa complexa, si, pero cando se aplica a filosofía de que a un problema unha solución achándanse os terreos máis rudos. Hoxe o noso espazo eBook aloxa un centenar de libros e novidades á venda. Ademais asinamos acordos de distribución comercial de contidos con Publidisa (Unebook), Meubook, Google Books, Torrossa-Casalini Libri e e-libro.net e con todos eles estamos xa traballando arreo e a pleno rendemento. Onde conducirá en última instancia o desenvolvemento acelerado da edición dixital é unha incógnita que ninguén pode responder, pero en algo cambiamos: esa incerteza era ata hai non moito un factor paralizante; hoxe ceibámonos, creo, de tecnofobias e tecnofilias extremas e respondemos ás nosas inseguridades facendo camiño ao andarmos e aceptando, con creatividade e estímulo, os retos, pois só está libre de errar quen non fai nada. DRM social ou restritivo? ISBN para produtos dixitais gratuítos? Protección real dos dereitos en acceso aberto? Edición ou comunicación pública? Pdf ou epub? Formatos propietarios ou libres? Monitores, tabletas, lectores de ebook? Acceso ou consumo? Descarga ou nube? Dubidar é aprender e tomar decisións aceptar riscos calculados. A edición dixital está aí e, que dúbida cabe, supón unha descontinuidade cos soportes tradicionais da edición. Pero non hai nada novo baixo o sol: a mesma descontinuidade supuxo no seu momento o ars artificialiter scribendi de maese Gutenberg, que crebaba unha tradición milenaria de elaboración textual manuscrita. Encontro que este é un pensamento alentador. Como editores sensatos podemos tender pontes entre as dúas beiras da fenda dixital e facer que os lectores transiten por eles sen medo a mirar abaixo.
[Versión galega do artigo que sairá en español no boletín UNELIBROS de primavera].
No hay comentarios:
Publicar un comentario