12.2.12
Palingenesia
Ao meu devanceiro, o cidadán Roberto Blanco Torres, xornalista de raza, metéronlle catro tiros na cabeza no outono de 1936 por crer inexorable e verticalmente na ética pública. Afirmou nunha ocasión que o mellor negocio é sempre a honestidade e empregaba nos seus artigos un «palabro» de nación helena, palingenesia, que vale 'reconstrución', para referirse á necesidade intemporal de permanente remozamento moral na práctica política. Roberto era, obviamente, un inxenuo, pois propios de inxenuos son conceptos como servizo público, integridade ou coherencia. E, como tantos milleiros de inxenuos, era pobre. Contan que unha vez houbo de pedir cinco pesos a Ramón Otero Pedrayo para saír do mal momento no que andaba (e sempre andaba nalgún). Hoxe, case oitenta anos despois, a ética pública segue sendo unha utopía e os pobres seguen sendo inxenuos. Só a inxenuidade, de certo, é quen de tender un velo de paciencia na vida cotiá de case cinco millóns de desempregados que, cando ligan o televisor para ver o «parte», asisten atónitos a unha media de dez minutos por telediario monograficamente consagrados a algunha «operación» (ergo, escandalazo) na que, como as frebas na vitela, sempre hai un político ou, mesmo, algún coñecido «aristó» mesturado en turbios asuntos de diñeiro, de moito diñeiro. Observou vostede que en España raramente os escándalos son por amor, sexo ou algunha outra paixón? Sempre é a pasta, país de galopíns. Supoño (e dou grazas por só supoñelo) que, non tendo pan que levar á casa, ver o sorriso farto de Francisco Camps entrando nun haiga, mentres nubes de xornalistas perseguen a mellor instantánea como se tratase dunha estrela da alfombra vermella, debe ser unha experiencia difícil, algo así como acender o cigarrillo polo filtro, tragar vidros ou pisar a caca dun can. Non quixera que estas palabras se interpretasen como unha convocatoria á degollina pero sinceramente éncheme de pasmo o grao de resignación colectiva que o país vén manifestando nos últimos anos. Malíciome, porén, que se esta crise —punta dun iceberg brutal de desequilibrios internacionais— segue dando presión, máis tarde, máis cedo chegaremos a un punto de inflexión. Está no noso adn esquecermos permanentemente as leccións maxistrais da historia, pero á historia, como ao inverno, non a comeu o lobo. Na mesma efusión de sangue que o Terror impuxo nas guillotinas de 1789 estaba modelándose a democracia moderna e o Estado de Dereito. Pero cada vez que se obriga a un cidadán honesto e cumpridor, pero desempregado, a comungar coas rodas de muíño dun novo escándalo, a democracia e o Estado de Dereito manifestan toda a súa febleza, a mesma febleza dos bens funxibles, que se desgastan na mesma medida en que se usan. Torres máis altas caeron.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario