21.12.11

Matemáticas e astronomía en Galicia


Mañán presentamos o libro As matemáticas e a astronomía en Galicia, de autoría dos investigadores e astrónomos da nosa universidade Iván Fernández Pérez e José Ángel Docobo (este último, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da universidade), un pequeno libro divulgativo da nosa colección de peto que recupera a memoria de meritorios científicos. Hoxe estamos persuadidos de que innovación, calidade da investigación, impacto, planos estratéxicos, internacionalización, excelencia curricular e demais artillaría terminolóxica son conceptos radicalmente modernos e directa ou indirectamente relacionados cunha posición de "segunda" no concerto de nacións cientificamente "de primeira". A inferencia implícita non deixa de resultar inquietante: se a universidade e a sociedade civil se autoesixen tan obsesivamente innovación, calidade e excelencia será porque, de partida, teñen a conciencia de careceren de tales prendas, e, o que é peor, que nunca gozamos delas. É un discurso que, por demais, me anoxa bastante: eu non coñezo máis plano estratéxico ca traballar con entusiasmo e crendo no que se fai, nin preciso de máis estímulo á innovación ca renunciar a inoperantes inercias e botarlle imaxinación, arrostrando con criterio as miñas decisións. E, mire vostede por onde, cada quen no seu pero creo que o máximo nivel de competitividade se consegue por esta vía.
De entre a extensa nómina de magníficos matemáticos e astrofísicos que inclúe o libro, permítanme ficar coa do presbítero dezán Ramón María Aller. En 1917 aloxou en dúas casetas de madeira un anteollo e un teodolito que lle regalaran para a observación do universo. Logo, en 1924, conseguiu erguer un pequeno observatorio, o Observatorio Astronómico de Lalín, xa mellor dotado. Dende alí, na España dos trinta, un curiña sen formación superior, nin graos, nin másteres en nada, publicou, ademais de catro libros e infinidade máis de artigos noutras revistas, dezaseis colaboracións en Astronimische Nachrichten, revista fundada en 1820 polo físico e astrónomo alemán-danés Hans Christian Schumacher, que, dende entón, se edita ininterrompidamente.
De Aller fixen no ano 2006 unha evocación que, co gallo do libro sobre a astronomía en Galicia que mañán bautizamos, quero recuperar. Velaí vai, tal como saíu ao mundo en decembro do devandito ano:
Hoxe, un sabio da consideración internacional de Aller sería con toda probabilidade un petulante de vaidade ecuménica. É o signo dos tempos. Vivimos reodeados de xenios incomprendidos. Aller era, no persoal, un curiña de Lalín que, ademais, e case pedindo perdón polo seu atrevimento, publicaba, por exemplo, nas Astronomische Nachrichten de Kiel. Meu pai tratou a don Ramón. Del conservo unha foto, ao lado de don Enrique Vidal Abascal, no xantar tras un acto, non sei cal, que tivo lugar na Estrada nos comezos dos anos 60. Desa foto reteño un comentario de meu pai: -Fíxate en como colle don Ramón o codelo de pan. É a maneira en que o collería un labrador.
Tiña razón. Un dos artigos de don Ramón, o referido ao observatorio de Lalín (no vol. IV dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Nós- Pubriacións Galegas e ImprentaSant-Iago de Compostela MCMXXXII ) contén treitos que translucen unha fina ironía e un espírito de modestia e humanidade emocionantes: Un amigo, cuya personalidad científica es destacada, opi­na que no deben pasar inadvertidos en el «Seminario de Estudos Galegos» los trabajos científicos realizados en Galicia. Aunque los míos se perdieran, cierto es que poco habría que lamentar; pero, esto no obstante, también es verdad que en España es­casean los de observaciones astronómicas, y aunque nuestra tierra no pueda gloriarse mucho por este concepto, ni menos ponerse en parangón con lo que se produce en los Observatorios del Ebro, del Tibidabo, de Madrid, de San Fernando…, estas notas darán el consuelo de que, desde Lalín, se mira siquiera al Cielo, cuando son tantas las provincias de España en las que no se sabe si se contempla el Firmamento bajo algún aspecto distinto del poético.

Hoxe, ao mellor, negábanlle un sexenio ao bo de don Ramón por non dar as clases usando power point...

2 comentarios:

cãosemdono dijo...

En verdade poucas figuras das chamadas esgrevias me resultan tan simpáticas e dignas de admiración sincera como a de Ramón María Aller. Unha puntualización, se cadra: o padre Aller licenciouse en Ciencias Exactas, se ben faríao por libre, doutorándose posteriormente con premio extraordinario.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Seino, seino, prezado amigo, e agradezo a corrección, que, onte, na presentación, tamén fixo o profesor Docobo: era licenciado en Sagrada Teoloxía e doutor en Matemáticas. Alí onde o seu espírito more (que será onde moran os espíritos dos bos e xenerosos de verdade), agardo que don Ramón me perdoe o lapsus. Apertas.