Creo que foi o meu colega editor e profesor Joaquín Rodríguez quen, fronte á frieza do ebook, atribuíu ao libro impreso o que el chama a camisa mnemónica. Este caparazón, creo eu, individualiza cada libro entre os demais libros polas súas potencialidades sensoriais (o seu olor, o tacto, o son do papel) e, tamén, pola súa capacidade de personalizalo a través de intervencións persoais de diferente natureza: poéticas, afectuosas, extravagantes, irrespectuosas ou, mesmo, francamente irreverentes. Hai unha cousa que persoalmente adoro: meter follas ou flores entre as páxinas dun libro (se é un mamotreto antigo e con tapa dura aínda mellor). Co paso do tempo, reecontrámonos coa folla dunha cerdeira xapónica ou dun arce, que adquiriron, en apretada conversa coas páxinas do libro, unha pátina de brillo, nobreza e fraxilidade que fan que algo tan inane -unha folla concreta de entre os milleiros de follas que a cerdeira ou o liquidámbar perderon aquel outono- reclame algo así como un certo pedigrí. Outras intervencións no libro poden ser, como dicía, menos respectuosas. Quen non suliñou por razóns puramente pragmáticas un libro? Quen non pintou cucamonas nas marxes dun manual en tardes de estudo nas que o tedio adquire proporcións ciclópeas? Quen, cando Pedro Chosco nos pecha o ollo e por non surtir do leito a buscar un marcapáxinas ou equivalente, non dobrou o canto da páxina nun pequeno triángulo? Quen non derramou café, leite, té sobre un inocente volume? Tiven eu un gato siamés, fermoso animal que atendía por Jorgito, que a escuso papoume os bordes de certo soporífero tratado que, por riba, non era meu. Un erudito felino afeccionado á celulosa. En punto a intervencións directas na sufrida estrutura física do libro impreso, creo que nada ten acadado os límites da sublimidade aos que se chegaba atentando co boli contra os retratos que traían as inefables Enciclopedias Álvarez, de tran grata lembranza escolar: Luis de Góngora aparecía cun ollo a la birulé, uns colmillos de vampiro asomaban na dignísima efixie de don Tomás de Iriarte, unhas melenas de rockero ornaban a testa de Azorín ou un fumeante cigarro de monstruosa talla aparecía espetado na boca de Hartzenbusch. Un serán dos comezos deste outono, descubrín por acaso os pétalos dunha rosa entre as páxinas 164 e 165 dun venerable exemplar da Enciclopedia Álvarez. Intuitiva, sintética e práctica. Tercer Grado (Miñón, S.A., 1966, Valladolid). Son xa, amnesia dos anos, incapaz de lembrar o momento concreto en que os agora momificados fragmentos vexetais foron dar a tan preclara localización. Supoño que as deberon poñer alí os dedos dun neno, pois a miña afección vén de vello. O máis curioso do asunto é que, alén de proporcionar os naturais fluídos dos pétalos despois de tanto tempo un tinxido característico ás páxinas, coincidiron con outra intervención, esta infinitamente máis prosaica, da miña man: o retrato de don Amado Nervo, célebre vate de nación azteca, aparece (direino, para o meu oprobio agardando a indulxencia do benévolo lector) arrodeado de moscas e despendido esas ondas verticais que, na banda deseñada, significan xeralmente o fedor de algo ou alguén; para máis inri, o poeta leva gafas de sol e loce unha ostentosa cicatriz no carrelo dereito (véxase a imaxe, que, como en certos anuncios de contactos eróticos, é real). Hai en todo isto un magoante paradoxo: no escenario de tantos desatres, a poesía que ao bo de don Antonio Álvarez se lle ocorreu escolmar para glosar as calidades de Nervo é, simplemente, deliciosa, un verdadeiro descubrimento de serena expresión lírica ou de exercicio de sinxelo e cotián existencialismo, palabras que volven nobre metal a nosa mísera rutina e poñen no seu sitio tanto poetastro contemporáneo e tanta mamarrachada. Non resisto a tentación de copiala:
El alba, con luz incierta,
en el espacio fulgura,
y parece que murmura
besando mi faz: ¡Despierta!
Rompe la nívea mortaja
de la fuente el sol ufano,
y su fulgor soberano
me dice: ¡Lucha, trabaja!
Muere el sol, quietud inmensa
se adueña de cuanto existe...
entonces, una voz triste
susurra en mi oído: ¡Piensa!
Por fin, la noche, vestida
de luto, llena de encanto,
me cobija con su manto,
suspirando: ¡Duerme, olvida!
Dende hai días, no canto de maldicir, xurar e bufar cando ás 7:00 h soa Jack o Despertador, dígome: ¡Lucha, trabaja! Home, non digo que sexa a purga de Benito pero algo consola.
2 comentarios:
O post, como sempre, magnífico. E moi evocador, pola parte que, cando menos a min, me transporta ao trato infantil con tan paradigmática enciclopedia. E que dicir da intervención plástica sobre o retrato de don Amado Nervo,de quen creo non ter lido máis cousa que o poema referido (eu, ben seguro que o lembras, sempre lle tiven máis querencia a aqueloutra fábula de Samaniego que comeza "Subió una mona a un nogal" que, se non de ton tan existencial, hai que recoñecerlle menor dose de moralina. Malia que a min iso de "despierta", "trabaja", non me seducía en absoluto, a don Amado deixeino tranquilo, máis ben, influído por aquel rollo macabeo de inimigos da patria, tomeina con quen coidaba eu que debía vingarme. A saber, Almanzor, Aníbal (este non sei ben por que) e Napoleón Bonaparte.
Apertas. E blusc asemade (xa lle vou collendo gusto tamén ás palabras de verificación)
Y cogiendo una nuez verde
en la cáscara la muerde
con que le supo muy mal.
O tempora, o mores!
(Senatus quae...)
Publicar un comentario