12.11.11

1970

Disque o que garda sempre ten. A miña colección de elepés non deixa de depararme agradables sorpresas, reencontros e redescubrimentos emocionantes, que, nun leve exercicio de nostalxia da boa (non esa melancolía negra que nos tinxe a alma de abismo), me leva á relembranza de persoas, vivencias e ambientes do pasado. Se vostede non coñece un excelente grupo de jazz-rock sueco chamado Made in Sweden debera coñecelo. Eu teño un vinilo titulado Made in England (1970) no que cada corte é unha obra mestra: agresividade, dozura, potentísimas bases rítmicas, harmonías de incrible modernidade, sorprendentes e bruscos cambios de rexistro, o virtuosismo instrumental dos tres compoñentes (guitarra, batería e baixo) mestúranse nun aglomerado melódico dunha calidade extraordinaria, dunha sinceridade e pureza pouco común. Todo o disco é un memorable momento musical, unha parada obrigada no mellor da música europea dos setenta. E por seguir cos marabillosos setenta, en 1972 Pink Floyd puxo música a unha peli rara dun director raro (La Vallée de Barbet Schroeder): o elepé, que tamén teño e co que me agasallei estes días, chámase Obscured by Clouds (o val, claro, é o que está tapado polas nubes). Obscured by Clouds é un disco pouco coñecido dos PF aínda con ser un dos produtos máis e mellor destilados da factoría pinkfloydiana. O remate da obra (Mudmen) cos rudimentarios e atávicos cantos rituais dos nativos, tras o torrente de psicodelia da media ducia de temas do disco, resulta inquietante e parodoxalmente apocalíptico. Vendo as fotos contemporáneas de Gilmour, Mason, Wright e Waters, e tamén dos músicos vikingos, -practicamente uns nenos- sinto moito orgullo de pertencer a unha xeración, malia un chisco máis novo, na que brillou a creatividade musical a unha altura descoñecida en moito tempo. Son cousas así as que, de cara a vivirmos reconciliados co presente e non volvernos uns cascarrabias insoportables, fan moi difícil rexeitar sistematicamente a idea de que calquera tempo pasado foi mellor.

4 comentarios:

M. DIÉGUEZ dijo...

Aquí sempre se aprende algo útil. Magníficos os suecos. Xa os estou escoitando no Spotify. Non sabía deles, pero é ben certo que non lles pasou o tempo por riba. Unha aperta e saúdos á parentela.

juan l. blanco valdés dijo...

Boísimos, Manolo. O guitarrista Georg Wadenius, alma do grupo, seguiu unha importante carreira como solista de jazz. Saudades e afectos tamén para os teus.

Augus P.R. dijo...

No momento de escribir este comentario, estou tamén a escoitar o disco dos suecos a través de Spotify. Grazas, Juan, por permitirnos descubrir estas xoias aos que nacimos despois do 1970.

juan l. blanco valdés dijo...

Celebro que che gusten Wadenius & co. Apertas, Augus.
Nota léxica: a palabra de verificación de hoxe é moi bonita: inflesse.