10.10.11

Libri volant

Levo moitos anos visitando anualmente a nosa feira do libro español LIBER, pois, como adoita ocorrer con estes eventos, é un magnífico escaparate para, dunha parte, pulsar en vivo e en directo a evolución do sector e, doutra, ver moita xente da profesión que non se ve en meses. Saúdos, apertas, afectos reeditados (nunca mellor dito), cafés ás présas, xuntanzas meteóricas unhas seguidas das outras, conversas fuxidías, asistencia a mesas redondas, presentacións e breves conferencias, promesas, compromisos... e, sobre todo, un grato intercambio de miserias. Das grandes cifras ás calderillas; dos grandes grupos aos editores independentes; do ouropel da sona á grisalla do anonimato; de autores estrela a novatos perfectamente ignotos; do pastelón da narrativa escandinava e os bestsellers ás frangullas dos libros de fondo, a edición vive (André Schiffrin xa o vaticinou hai máis de dez anos) nunha encrucillada na que nada é como foi antes e nada sera como hoxe é, unha encrucillada aínda, se cabe, precípita por unha crise túzara e imprevisible. O embate dixital que semella non querer acabar de arrancar fronte -paradoxalmente- a unha redución en 2010 de case trinta millóns de exemplares impresos menos ca en 2009 son a tea de fondo dunha transición que se está facendo eterna. Quen espera desespera. Ao cabo (e isto supoño que é un consolo) toda época ten moito de recapitulación das anteriores. Un filósofo ilustre díxome unha vez que, na súa opinión, toda a filosofía de Occidente é unha recapitulación de Aristóteles. Ao mellor, seguindo o símil, a edición -en canto tecnoloxía da comunicación escrita global- leva séculos reinventándose, recapitulándose. Doerse, como este menda fixo tantas veces, da efemeridade e evanescencia derivadas dunha produción en masa pode mesmo resultar unha queixa pouco orixinal. Cando san Bernardo de Claraval na primeira metade do século XII, época na que o libro manuscrito adquiriu inusitado desenvolvemento, deploraba a premura coa que se difundían os escritos do seu xurdio inimigo ideolóxico Abelardo , afirmou: Libri volant! Que diría hoxe!?

No hay comentarios: